Tuesday 25 de November de 2025

Presentada a moción para a creación dunha residencia de estudantes na Cros


Alternativa dos Veciños pospuxo ata este mes a presentación da proposta para facilitar a todos os grupos o correcto estudo e analise da mesma.

As naves da Cros reunen todas as condicións para a creación de aloxamentos para estudantes que achegarían vida e auxe á súa economía e aos establecementos do Burgo.

A Xunta de Galicia conta con fondos para a construcción de vivendas en réxime de aluguer. O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana prevé préstamos con financiación ata 50 anos, subvencionando ata o 85% do valor da construción se quen promove é unha universidade pública e un 75% si se trata dun promotor privado, incluso se prevé incluír, por parte do ICO, un tramo non reembolsable do 30%.

É unha realidade innegable o insuficiente número de aloxamentos para estudantes no ámbito das universidades e o alto custo que teñen que soportar aqueles “afortunados” que atopan un aluguer. Esta situación está a provocar unha competición insana entre as familias e estudantes, da que moitos desisten ao non poder facer fronte ao elevado custo dos aloxamentos.

Dende as administracións públicas temos a obriga de atopar solucións que faciliten aos estudantes universitarios e de Formación Profesional o acceso a esas vivendas durante a súa formación, pero a un custo asumible. A Universidade da Coruña (UDC) conta con dous campus na comarca e cun grave problema para acceder aos alugueres por parte do alumnado. Culleredo é un concello limítrofe co da Coruña e conectado cun dos seus campus a través da Zapateira.

Alternativa presentará unha moción no próximo pleno municipal para facultar ao alcalde a facer todas as xestións necesarias ante a UDC e a Consellería de Vivenda e Axenda Urbana para facer realidade, coa cesión de uso de dúas das naves da Cros, a creación por 50 anos, de aloxamentos para estudantes universitarios e de Formación Profesional, debendo financiar a Consellería de Vivenda, directamente con fondos propios ou a través do ICO, a habilitación das naves.

Deja un comentario