— O conselleiro de Educación explica no Parlamento que se ofrecerá unha formación de altísima calidade aos futuros médicos en Santiago, Vigo e A Coruña
— Celebra volver ao consenso e pon en valor a disposición de todas as partes a ceder en prol dun ben superior común e con visión de país
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe a descentralización do grao en Medicina como un acordo “co que gaña Galicia, que ofrecerá unha formación de altísima calidade para os futuros médicos”, e co que tamén gañan as cidades de Santiago, Vigo e A Coruña, co reparto da docencia.
Na súa intervención no Parlamento o titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor a disposición de cada unha das partes a ceder nalgúns puntos, sempre pensando nun ben superior común. Celebrou que finalmente se acadara un consenso “para modernizar o grao en Medicina a través da descentralización, con vontade de sumar e de integrar o conxunto dos recursos sanitarios de Galicia”.
Neste sentido, Román Rodríguez agradeceu o traballo desenvolvido polos reitores das tres universidades públicas galegas que, partindo de tres posturas diferentes, foron quen de achegalas en prol do interese xeral dos alumnos e futuros profesionais sanitarios. No que atinxe ao da Universidade de Vigo, destacou a súa valentía á hora de liderar o grupo de traballo, ao tempo que valorou a capacidade do da Coruña de reconducir a súa postura inicial e a xenerosidade do de Santiago polo ben de Galicia. “Os tres, coas súas renuncias e altura de miras, cederon para chegar un acordo”, incidiu.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.