Coa actuación en Buios resólvese unha demanda histórica da veciñanza, mellorando a drenaxe e incrementando a seguridade viaria
A senda do Regueiro permitirá continuar o paseo marítimo de San Valentín até o límite con Neda, reforzando a mobilidade peonil
O Concello de Fene continúa avanzando no seu plan de mellora integral das infraestruturas municipais, cunha aposta clara pola renovación de vías, a mellora da drenaxe e a creación de espazos máis seguros e accesibles para a veciñanza. Nos últimos meses intensificouse o ritmo de execución de obras fundamentais nas parroquias, atendendo demandas históricas e actuando en puntos sensíbeis tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como da mobilidade peonil.
No marco deste plan, esta semana realizouse unha visita técnica para supervisar o resultado das obras xa finalizadas en Buios e comprobar o avance da nova senda peonil do Camiño do Regueiro. A alcaldesa, Sandra Permuy, acudiu acompañada da concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, e do primeiro tenente de alcaldesa e edil de urbanismo, Manuel Polo, nun percorrido que puxo de manifesto o impacto positivo destas intervencións no día a día da cidadanía.
Mellora da rede de pluviais e pavimento en Buios: unha intervención “duradeira e necesaria”
As obras de mellora da rede de pluviais e do pavimento en Buios, que tiña como obxectivo principal dar solución aos problemas de drenaxe rexistrados nos últimos anos e incrementar a seguridade viaria neste treito, veñen de ser recepcionadas tras completarse a súa execución.
Os traballos incluíron a renovación integral da capa de rodaxe, a ampliación da sección de paso en varios puntos e a instalación de novos sumidoiros, mellorando notablemente a recollida e evacuación da auga da chuvia. A intervención abrangue un tramo amplo no que se concentra un elevado número de vivendas, beneficiando de maneira directa a toda a contorna.
A alcaldesa, Sandra Permuy, salientou que se trata dunha “actuación duradeira, que resolve unha demanda histórica da veciñanza”. Engadiu que “as chuvias intensas provocaban apozamentos e deterioro no firme, e agora damos unha resposta que mellora a seguridade, a accesibilidade e o confort das persoas que circulan pola zona. A veciñanza transmitiunos a súa satisfacción polo resultado”.
Avance das obras da senda peonil no Camiño do Regueiro
Por outra banda, o goberno local supervisou tamén o avance da senda peonil na rúa Camiño do Regueiro. O principal obxectivo é uniformar o aliñamento da vía coa construción dunha senda na marxe esquerda, ademais de executar as novas canalizacións de augas pluviais, resolvendo os puntos de drenaxe máis problemáticos.
Ademais, con esta actuación o Concello de Fene dá un paso decisivo para completar a continuidade do paseo marítimo de San Valentín até o límite con Neda, creando un itinerario peonil seguro, accesible e integrado no espazo urbano.
Compromiso coa mobilidade e a calidade urbana
A rexedora destacou que “estas obras forman parte da nosa folla de ruta para mellorar a calidade de vida en todas as parroquias de Fene. Apostamos por espazos máis seguros, por mellorar a mobilidade peonil e por modernizar progresivamente as infraestruturas municipais. Son investimentos que o Concello leva anos precisando e que agora estamos facendo realidade”.
A obra de mellora da rede de pluviais e pavimentos en Buios foi adxudicada por 179.740,26 € e financiada a través do Plan Único de Concellos (POS+ 2024) da Deputación da Coruña, mentres que o contrato da creación da senda peonil no Regueiro ascende a 140.750 €, con cargo ao POS+ 2023.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.