Tuesday 25 de November de 2025

A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto de interese autonómico do Monte Mero na Coruña, coa previsión de urbanizar solo para máis de 4.000 vivendas


— O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos na contorna e inclúe condicionantes co fin de analizar en profundidade cuestións como o ruído, a mobilidade na contorna ou as necesidades de abastecemento e saneamento

— O ámbito de actuación do PIA, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, abrangue un espazo de 40 hectáreas de extensión entre o barrio de Xuxán, a futura Cidade das TIC e as áreas de Montserrat e Pedralonga

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do sector SUD 4 do Monte Mero da Coruña, co que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé urbanizar solo para construír 4.000 vivendas en réxime de protección pública na cidade.
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, pero inclúe condicionantes co fin de afondar en aspectos como o ruído e a mobilidade na contorna ou as necesidades de saneamento ou abastecemento.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.
Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O ámbito de actuación do PIA é un espazo de máis de 40 hectáreas de extensión entre o barrio de Xuxán, as antigas instalacións da fábrica de armas -en transformación para configurar a futura Cidade das TIC- e as áreas de Montserrat e Pedralonga. Nesa zona prevese construír 4.000 vivendas, das que o 80% serán protexidas.
O solo afectado na zona de Monte Mero está conformado fundamentalmente por terreos de natureza rústica de carácter agropecuario residual con presenza dispersa dalgunha edificación de pequeno tamaño. O PIA establece como uso predominante o residencial, así como usos terciarios e reservas de solo para equipamentos comunitarios e para infraestruturas de servizos.

Deja un comentario