O conselleiro de Educación lembra que o centro conta catro especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, cando, por matrícula, lle corresponderían dous
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reiterou ante o Pleno do Parlamento que o reforzo do profesorado no Colexio Valle-Inclán de Oleiros garante a máxima atención ao seu alumnado. Así pois, este centro conta cos docentes axeitados para atender aos nenos matriculados e, de feito, as súas aulas están moi por debaixo das ratios máximas marcadas por lei a nivel estatal.
En liña do respondido a semana pasada nunha comisión parlamentaria, o titular de Educación do Goberno Galego lembrou que este curso o seu departamento dotou o colexio de dous mestres de Primaria a maiores, o que permitiu desdobrar aulas en 2º e 3º curso de Primaria. Nestes cursos hai 54 alumnos distribuídos en tres aulas, quedando así moi por debaixo da rateo máxima de 25 por aula. En xeral, todas as aulas de Primaria teñen entre 17 e 20 alumnos, cando o máximo é de 25.
Ademais, para garantir a atención a diversidade, o centro conta con dous profesores especialistas en Pedagoxía Terapéutica e outros dous en Audición e Linguaxe, cando, atendendo ao número de alumnos matriculados, tan só lle corresponde un de cada. Román Rodríguez lembrou, ademais, que todos os alumnos con necesidades educativas contan por dous ou por tres en función do grao de discapacidade, unha medida “pioneira” de Galicia que agora “queren imitar a nivel estatal”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.