O BNG de Santa Comba pídelle ao Concello que “escoite a veciñanza” de Guisande, onde hai “evidente preocupación” pola situación creada arredor das obras de mellora de viarios e saneamento financiadas a través do POS da Deputación da Coruña.
Os veciños e veciñas levan anos reclamando actuacións urxentes en materia de infraestruturas, canalización de pluviais e saneamento, demandas que foron rexistradas xa no ano 2020 e reiteradas nas diversas xuntanzas mantidas coas distintas corporacións municipais.
O proxecto finalmente licitado polo Concello, adxudicado á empresa Mantido S. L. e posteriormente modificado a raíz de informes técnicos da Deputación, presenta importantes diferenzas coas actuacións prometidas.
Segundo explicaron ao BNG as persoas afectadas, algunhas das modificacións introducidas “poderían implicar danos estruturais en varias vivendas da aldea”. Esta situación xerou un crecente desconcerto, agravado pola paralización das obras e pola presenza de maquinaria na zona sen explicación oficial.
Xuntanza co BNG provincial
Neste contexto tivo lugar unha xuntanza entre o BNG de Santa Comba, representantes do Grupo Provincial do BNG na Deputación e veciñas e veciños de Guisande. Durante o encontro, as persoas asistentes expresaron a súa inquedanza polo silencio do goberno municipal, pola falta de información actualizada e pola ausencia dunha previsión clara sobre os pasos que se van dar no inmediato. Para o BNG, escoitar a veciñanza debe ser “unha prioridade”.
A organización nacionalista considera imprescindible garantir a seguridade das vivendas e a estabilidade das estruturas da aldea antes de retomar calquera intervención. Por iso, insta o Concello a informar con urxencia do estado real do proxecto, das intencións do goberno local e das medidas previstas para asegurar a correcta execución das obras. O BNG solicita tamén que se explique á veciñanza como se realizarán os traballos e se haberá modificados adicionais ou un novo proxecto.
O BNG de Santa Comba esíxelle ao Concello que escoite directamente ás persoas afectadas e que reconduza o proxecto se fose preciso.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.