Tuesday 25 de November de 2025

A Rede CIGUS logra un novo fito para a I+G+I ao captar un proxecto de 11 M€ que permiritá contratar a 40 investigadores posdoutorais


— A Xunta logra por primeira vez fondos europeos do programa Marie Sklodowska-Curie COFUND, que complementará con outros 5,4M€ autonómicos

— Os científicos, que recibirán apoio económico durante os próximos cinco anos, poderán desenvolver o seu traballo nun dos dez centros de investigación desta rede

A Rede CIGUS vén de lograr, por primeira vez, a concesión dun proxecto europeo das Accións Marie Sklodowska-Curie (MSCA) COFUND, que permitirá contratar a 40 investigadores posdoutorais para os próximos cinco anos nesta rede de centros de investigación universitarios de excelencia. A proposta contará cun orzamento de máis de 11 M€, dos que 5,6 M€ son financiados pola Unión Europea e o restante pola Xunta de Galicia co apoio dos centros da rede.
Este proxecto, baixo o nome de TALENTGAL, supón “un novo fito para a nosa I+G+i”, sinala o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. “Isto posibilitará que, a maiores, contratemos 40 profesionais que xa son doutores para que leven a cabo labores de investigación en áreas especializadas nos centros máis prestixiosos das nosas universidades públicas”, engade o representante autonómico.
Este proxecto, presentado pola Xunta en colaboración coas tres universidades públicas galegas, a Rede CIGUS e FEUGA, impulsa o desenvolvemento da carreira investigadora e promove a integridade científica, a transferencia de coñecemento e o emprendemento. Os novos investigadores que se incorporarán aos centros CIGUS poderán centrar as súas investigacións en áreas clave para Galicia como biotecnoloxía, medicina, química, nanomateriais, TIC, enxeñaría ambiental, ciencias mariñas e físicas, entre outras.
Máis alá das súas investigacións, os 40 posdoutorais que se sumarán á Rede CIGUS recibirán formación complementaria en competencias transversais e apoio e mentoría personalizados. O obxectivo é fomentar oportunidades de colaboración industrial, mobilidade intersectorial e interacción con públicos máis amplos, contribuíndo a mellorar as súas perspectivas de carreira. Ademais, terán estadías obrigatorias en institucións académicas, empresas e administracións públicas, o que posibilitará ampliar aínda máis as súas oportunidades profesionais.
Este programa conta, tamén, co apoio dunha ampla rede de máis de 40 socios de distintos sectores, áreas científicas e países, que inclúen institucións académicas e universidades, líderes industriais, pemes, infraestruturas de investigación e centros tecnolóxicos.
Máis de 1.600 profesionais
A Rede CIGUS está conformada por 10 centros de investigación das tres universidades públicas galegas (USC, UVigo e UDC) e conta con máis de 1.600 investigadores. Baixo esta marca, a Xunta financia, visibiliza e vertebra a investigación universitaria de excelencia. De feito, nos últimos cinco anos logrou captar máis de 221 M€ en proxectos competitivos, o que supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta leva destinados case 68 M€. Na convocatoria actual, na que oito centros renovaron a súa acreditación e dous se incorporan, incrementouse nun 31% a achega do Executivo autonómico, como mostra da aposta decidida polo impulso da I+G+i.

Deja un comentario