A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este martes no acto institucional organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) con motivo do próximo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, nun acto que contou coa intervención musical da cantareira Leni Pérez. Previamente, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, recibiu a rexedora municipal en visita institucional e acompañouna na sinatura do libro de Honra da entidade.
Goretti Sanmartín expresou o seu agradecemento por visitar a sede da Fegamp, espazo de encontro e de debate en que os concellos partillan inquedanzas e preocupacións. Desde a capital de Galicia, fixo a reivindicación de un maior financiamento para as entidades locais e mostrou o seu compromiso coa igualdade e coa erradicación da violencia contra as mulleres.
Tras o encontro institucional, a alcaldesa e o presidente da Fegamp protagonizaron o acto polo 25 de novembro que tivo lugar canda a sede da entidade nas Fontiñas e ao que tamén acudiron alcaldes e alcaldesas doutros concellos. A rexedora sinalou que continúa sendo necesario reivindicar o 25N e reclamou recursos e medidas suficiente es para combater esta violencia estrutural.
Nese sentido, apuntou que os concellos son “axentes fundamentais de políticas de avance no camiño da igualdade”, polo que requiren “un compromiso claro” que lles permita ofertar os servizos precisos e desenvolver políticas de conciliación. En concreto, pediu unha maior achega para soster o servizo de atención no fogar.
Así mesmo, Goretti Sanmartín fixo un chamamento a toda a cidadanía a participar nas mobilizacións do 25N. “Estamos en tempos de involución, en tempos problemáticas, en que hai axentes que negan a violencia de xénero e creo que temos que estar máis que nunca unidas administracións, concellos e espazos que continuamos reclamando e reivindicando políticas de xénero”, afirmou, para incidir en que hai que seguir “poñendo freo a esas voces negadoras da desigualdade estrutural”.
A alcaldesa destacou a importancia da Fegamp como espazo para de “maneira partillada, aprender e coñecer como se está traballando noutros lugares”. No caso de Santiago de Compostela, explicou que este 25N escolleuse a violencia dixital para centrar os esforzos en combater esta maneira de violencia que afecta nomeadamente á xente moza.
“A voz das mulleres non cala”
No acto tamén se presentou a imaxe da FEGAMP para conmemorar este 25N baixo o titulo “A voz das Mulleres non se apaga”, e, na súa intervención, o presidente da FEGAMP leu a declaración e destacou que “O 25N é un día de lembranza de todas as vítimas, de reivindicación, de denuncia e condena dunha realidade de dor e impotencia que debe manter unida á sociedade” ao tempo que denunciou que “hai elementos que combater que se mantiñan agochados e que hoxe tratan de amedrentar e marcar posición social en medio de mentiras e bulos”.
Alberto Varela sinalou que “dende o municipalismo galego representado pola FEGAMP queremos poñer o foco contra estas mentiras, e nesta ocasión, facémolo a través dunha das figuras máis respectadas e admiradas da cultura galega: as cantareiras, que levan décadas levantando a voz para defender dereitos e denunciar inxustizas”.
O presidente da Fegamp rematou a súa intervención salientando que “os concellos e as deputacións imos seguir a traballar contra o sexismo e o machismo, rexeitando abertamente a discriminación e sensibilizando especialmente aos homes e os mozos para que rachen coa cultura de tolerancia que perpetúa esta desigualdade” e deu paso á actuación de Leni Pérez sinalando que “hoxe, ergue a voz polas mulleres e contra quen pretende calalas con mentiras e infamias: non calarán ás mulleres porque a súa voz, representada hoxe polas cantareiras, é unha voz que non se apagará nunca”.
Na súa actuación, a cantareira Leni Pérez, interpretou varias pezas, destacando a xota: “Se din que cales, non cales”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.