Monday 24 de November de 2025

A Mesa local de coordinación contra a violencia de xénero de San Sadurniño e Moeche reinicia a súa actividade


A Mesa local de coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero é un órgano no que están representadas as principais entidades políticas, institucionais e sociais de San Sadurniño e Moeche. A súa función é definir accións eficaces para previr, detectar, actuar e facer o necesario labor de acompañamento ante casos de violencia contra da muller. A mesa creouse en 2016, pero a súa actividade viuse interrompida pola pandemia e polo cambio de destino laboral de parte das persoas que a integraban. Agora, o Concello de San Sadurniño, pioneiro na comarca na posta en marcha deste organismo, está traballando xa na reactivación do seu funcionamento e, nese sentido, hoxe tivo lugar na Casa Consistorial unha xuntanza de presentación das novas persoas integrantes na que xa se marcaron algunhas liñas de actuación a curto e medio prazo, entre elas o deseño dun protocolo de actuación que sirva de guía adaptada á realidade de ambos municipios.

Na sesión desta mañá participaron a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas Castro -que asumiu a presidencia por delegación do alcalde-, as traballadoras sociais de San Sadurniño e Moeche -Leticia Fernández Otero e Carla Beceiro, respectivamente-, a orientadora do CPI, María Canedo, e Xosé Goiriz por parte do posto da Garda Civil, quen acudiu na compaña de Robustiano Varela, integrante do programa VioGén.

Na xuntanza tamén participaron a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, Manuela Vilaboy, e a técnica municipal de Igualdade de San Sadurniño, Oriana López Castiñeira, quen asegurou que a reunión serviu “para poñerlles cara a algunhas das persoas representantes de entidades e institucións que acaban de ocupar o seu posto e coas que nos coordinamos a diario por teléfono, pero que ata agora nunca tiveramos oportunidade de xuntarnos todas nun mesmo espazo”.

Durante a reunión fíxose un repaso pola traxectoria da Mesa desde a súa creación, ademais de poñer enriba da mesa a necesidade de reactivar o seu traballo tras dous anos de parada. Araceli Bellas Castro subliñou que esta reactivación é “fundamental para reforzar a rede de protección e actualizar os procedementos segundo a realidade actual dos dous concellos”. A xuntanza serviu tamén para trasladarlle á representante estatal o funcionamento específico deste órgano mancomunado, así como as particularidades de San Sadurniño e Moeche en materia de atención social e seguridade cidadá, condicionadas en ambos casos pola dispersión poboacional e pola limitación dos recursos municipais. “Para detectar e atender casos farían falla máis persoal e medios, algo que non temos e que temos que suplir coordinándonos o mellor que poidamos”, asegura a concelleira de Igualdade.

Un dos principais acordos adoptados foi o inicio dos traballos para crear un protocolo común de intervención ante situacións de violencia de xénero, especialmente nos casos de urxencia. O documento permitirá que os Servizos sociais, a Garda Civil, o PAC e demais axentes implicados conten cunha folla de ruta clara e homoxénea para “actuar con maior rapidez e eficacia”.

O Concello comprometeuse a elaborar un primeiro borrador que se enviará ao resto de entidades antes da próxima convocatoria coa finalidade de que poidan revisar o texto e achegar propostas. Tal e como apuntou Araceli Bellas Castro, trátase dun paso “moi necesario para asegurar unha resposta coordinada, que reduza tempos e mellore a protección das mulleres”.

A xuntanza incluíu tamén unha sesión formativa impartida por Bea López, da cooperativa Arabías, dentro do seu proxecto Cara B. A formación -financiada pola Deputación da Coruña- centrouse na presentación dunha Guía de Boas Prácticas que recolle recomendacións para mellorar a intervención profesional e as políticas públicas en materia de violencias machistas. As asistentes traballaron aspectos como a importancia de aplicar a perspectiva interseccional, respectar o proceso emocional de cada muller e ofrecer unha atención personalizada.

A técnica de Igualdade de San Sadurniño, Oriana López Castiñeira, lembrou que “non hai un único perfil de vítima e por iso debemos evitar o paternalismo e a revictimización, algo que só se consegue cunha coordinación sólida e unha mirada profesional e empática”.

A partir de casos reais recollidos no libro de narrativas do proxecto, o grupo puido analizar situacións frecuentes de desconexión entre as mulleres e as institucións, así como os retos aos que se enfrontan as profesionais para adaptar a súa intervención a cada historia de vida. Estes relatos permitiron reflexionar sobre os efectos que poden ter as rutinas institucionais e sobre a importancia de revisar continuamente a práctica profesional. A concelleira de Igualdade, Ara Bellas, puntualizou que esta formación “achegounos ferramentas moi útiles para mellorar a nosa capacidade de acompañamento”, reforzando así a función da Mesa non só como foro de coordinación, senón tamén como espazo para a mellora das competencias das persoas que a integran.

Máis actividades
As propostas con motivo do 25-N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas proseguen este martes, coa estrea nas redes sociais municipais dun novo capítulo do videopodcast de Igualdade “Falando sen cancelas”. A técnica de Igualdade parola desta vez con Micaela Campanini Caffaro, representante do proxecto O Lavadoiro. A iniciativa alentada no seu día pola Deputación da Coruña como proxecto piloto converteuse recentemente nunha asociación centrada na prevención, detección temperá e acompañamento ás vítimas do maltrato. Na conversa, gravada hai uns días, Campanini comenta cales son as actividades que están desenvolvendo e como se pode colaborar con este colectivo de nova creación.

O programa estrearase na canle de youtube do Concello ás 18:00h, momento no que tamén se compartirá no Facebook e no perfil municipal en X. Un pouco máis tarde tamén se iluminará o Concello coa cor violeta da xornada.

A seguinte actividade aberta ao público será o obradoiro “As tolas que non o eran”, conducido pola escritora Carmen V. Valiña. A investigadora é autora dun exitoso libro co mesmo nome no que se aborda o control institucional exercido sobre as mulleres a través da psiquiatría e o Estado entre finais do século XIX e comezos do XX.

A sesión, que terá lugar na Casa da Xuventude este sábado ás 11:00h, terá continuidade durante decembro no clube de lectura da biblioteca municipal, que afondará nesta temática a través de distintas obras, entre elas a titulada “Las hijas del miedo”, editada pola Asociación de Mulleres Xuízas de España.

Para participar no obradoiro do sábado, que é gratuíto, fai falla inscrición previa enviándolle un correo á técnica de Igualdade -oriana.lopez@sansadurnino.gal-. Tamén se pode chamar ao 695 876 178.

Deja un comentario