Monday 24 de November de 2025

Neda conmemora o 25N co “Encontro escolar polo bo trato”


O Concello cancela, ante a previsión de chuvias, a marcha que habitualmente protagonizan os estudantes locais

Ante a previsión de chuvias, o Concello de Neda cancela a “Marcha polo bo trato” prevista para este martes, 25 N, e protagonizada por alumnado de centros educativos locais. A programación especial deseñada pola administración local mantén, iso si, o encontro escolar que, tradicionalmente se celebra a continuación da andaina, e une aos estudantes do municipio para compartir reflexións e actuacións, preparadas nas aulas, sobre a violencia de xénero.

Así, a partir das 11 horas, e tras un minuto de silencio polas vítimas, ás portas da Casa da Cultura, a rapazada de centros educativos públicos da localidade xuntarase no salón de actos e tomará a palabra.

Na cita, como é habitual non faltará a lectura de textos, lemas e reflexións sobre a necesidade de traballar pola igualdade real entre homes e mulleres, e seguir loitando para acabar coa lacra da violencia machista nas súas distintas formas (física, psicolóxica, sexual, dixital, económica…)

Coincidindo coa iniciativa, realizada co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, procederase a colocar unha pancarta reivindicativa na fachada da Casa Consistorial que, como cada ano, pola noite se tinguirá de violeta.

Deja un comentario