Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia formarán a comerciantes en materias de consumo


A concelleira responsable de Comercio, Marta Lois, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, presentaron no Pazo de Raxoi un plan de formación continua en materias de consumo dirixido aos comerciantes da cidade. Os obxectivos do plan de formación son contribuír á mellora da calidade das relacións entre comerciantes, consumidores e empresas de servizos, e á mellora das relacións comerciais baseadas nas novas tecnoloxías.

A planificación da actuación formativa baséase no tratamento de cinco bloques temáticos. Aínda que cada temática é independente, recoméndase a inscrición a todos os bloques en tanto o que se persegue é que o profesional acade un coñecemento integral de todos os aspectos do seu negocio relacionados coa materia de consumo. A metodoloxía a seguir será eminentemente práctica e participativa.

Cada bloque temático impartirase nunha única sesión de 4 horas de duración. O día concreto e horario de cada un dos bloques decidirase en función das preferencias manifestadas polas persoas interesadas á hora de realizar a inscrición. As sesións poderán celebrarse de luns e venres, tanto de mañá como de tarde, ou tamén os sábados pola mañá.

Inscrición ata o 13 de maio
Os bloques temáticos e os meses nos que se impartirán son: Normativa de comercio e Normativa de consumo, maio; Vendas a distancia, xuño; Subministros, setembro; Servizos financeiros, outubro; Seguros, novembro. As inscricións poderán facerse ata o día 13 de maio mediante o envío dun formulario on line dispoñible na web municipal de comercio: comercio.santiagodecompostela.gal.

O programa destínase a comerciantes e ao persoal do sector con establecemento aberto ao público no Concello de Santiago. Os dous primeiros bloques están especialmente dirixidos ao persoal que realice funcións relacionadas coa venda e a organización do produto e os tres bloques seguintes son de especial interese para o persoal con funcións de xerencia do establecemento.

Ofértase un total de 15 prazas para cada un dos bloques temáticos. A selección será por rigorosa orde de inscrición. Unha mesma persoa poderá inscribirse en máis dun bloque.