Tuesday 25 de November de 2025

O Trail de Lousame terá lugar o 28 de decembro e por primeira vez será puntuable no circuíto Galicia Trail Running Series da Federación Galega de Atletismo


As inscricións están abertas en www.carreirasgalegas.com: 300 prazas tanto na versión curta (14 km por 10€) como na longa (25 km por 15€)

O Concello de Lousame abre hoxe as inscricións nun multievento deportivo que terá lugar o próximo mes de decembro no municipio e que inclúe Pequetrail, Belén de Cumes e Trail de Lousame 2025. Tres iniciativas que terán lugar o sábado 13 e os domingos 14 e 28 de decembro, respectivamente. As persoas que desexen participar poden anotarse en www.carreirasgalegas.com.

O multievento foi presentado esta mañá polo alcalde do Concello de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado por Iván Sangiao, responsable do sector Trail Running da Federación Galega de Atletismo; o concelleiro de Obras, Ramón Martínez; e os técnicos municipais de Deportes, Germán Romero; e Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral. Esteban Ares destacou que “o Concello de Lousame aposta polo deporte xa que é fonte de saúde e tamén para inculcar valores como o esforzo, o compañeirismo ou a confianza nun mesmo, e que neste caso tamén ten unha repercusión turística, xa que o Trail é un evento que move centos de persoas e cuxa presenza repercutirá non só na hostalería local e da comarca, senón que moitos deles volverán visitar Lousame en máis ocasións para desfrutar da nos riqueza natural e paisaxística”.

O alcalde agradeceu a colaboración de todos os departamentos (Obras, Voluntariado, Cultura, Deportes…) na organización de este multievento, así como da Federación Galega de Atletismo, “que se suma por primeira vez ao Trail de Lousame, que será puntuable para o circuíto Galicia Trail Running Series, o que supón tamén un importante recoñecemento ao traballo e ao investimento económico que facemos dende un concello pequeno e rural”.

Puntuable para o ranking

Pola súa banda, Iván Sangiao destacou a importancia que o Trail de Lousame terá para o ranking do circuíto Galicia Trail Running Series da Federación Galega de Atletismo, xa que “esa puntuación non só quedará recollida en Lousame senón que pechará as clasificacións oficiais de final de ano, polo que se reflectirán na Gala Anual da Federación”. Iván Sangiao asegurou que “dende o primeiro momento apostamos por este proxecto”, poñendo especial énfase no Pequetrail porque “é importante para trasladarlles aos máis novos os valores do deporte e que adquiran unha disciplina deportiva”. Así mesmo, refrendou que “o trail en Galicia goza dun bo estado de saúde, como demostra a existencia de probas en todas as provincias e que a FGA lidere por segundo ano consecutivo o número de licenzas de Trail Running a nivel nacional”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Outeiral agradeceu a colaboración do voluntariado local, “entre 45 e 55 persoas estarán mobilizados o día do Trail de Lousame tanto no polideportivo como nos puntos de avituallamento e vixiando os cruces de camiños para que todo saia o mellor posible”. Ademais de ao voluntariado local, o técnico agradeceu tamén a colaboración da Cruz Vermella de Noia e de Protección Civil de Lousame.

Pequetrail e Belén de Cumes

Finalmente, Germán Romero foi o encargado de detallar os tres eventos deportivos. O primeiro deles será o Pequetrail de Lousame, que terá lugar o sábado 13 de decembro, a partir das 16:00 horas, na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. A proba desenvolverase sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes (de sub-8 a sub-14). O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas. Inscricións totalmente gratuítas en www.carreirasgalegas.com ata o 9 de decembro ou ata cubrir o límite dos 100 participantes.

O Belén de Cumes terá lugar o domingo 14 de decembro, con saída ás 10:00 horas do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. A novidade deste ano é que o percorrido será o mesmo que o do Trail Curto: 14 km cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado de 540 metros positivo e outros 540 metros negativo. Inscricións en www.carreirasgalegas.com por un prezo de 6 euros ata o 9 de decembro.

Finalmente, o Concello oferta un total de 600 prazas para o Trail de Lousame: 300 para o Trail Longo (15€) e 300 para o Trail Curto (10€). Ambas probas terán lugar o domingo 28 de decembro, con saída do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e unha espectacular subida ao monte Muralla, un dos miradoiros máis populares da comarca. As inscricións están abertas en www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 horas do 24 de decembro ou ata completar o cupo de prazas.

O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.140 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.

Deja un comentario