Monday 24 de November de 2025

A programación do Concello polo 25N inclúe accións educativas, comunitarias e de sensibilización


Un ano máis, o Concello de Oleiros está a realizar accións de sensibilización no marco da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

 

 

Se ben desde o Concello de Oleiros se desenvolve un traballo continuado e sostido ao longo de todo o ano, as datas sinaladas convértense en momentos de especial visibilidade, nos que a sensibilización e a concienciación chegan a un maior número de persoas e reforzan as accións que se realizan o resto do ano.

 

Por isto mesmo, desde o mes de outubro e ata decembro, continúa a desenvolverse nos IES municipais o programa “Repensando as masculinidades”, unha proposta educativa que busca promover a reflexión crítica sobre os mandatos tradicionais asociados á masculinidade, fomentar valores de coidado, corresponsabilidade e empatía, e avanzar cara relacións máis igualitarias entre a mocidade oleirense. Trátase dun programa que se integra de maneira estable no traballo municipal coa comunidade educativa, reforzando a prevención temperá das violencias machistas.

 

Así mesmo, entre o 13 e o 26 de novembro, estanse a desenvolver nos CEIP municipais os Obradoiros Punto Violeta; unha iniciativa que combina accións de sensibilización nos recreos coa intervención en aula. A través destas actividades, trabállanse conceptos clave como o bo trato, os límites persoais, o consentimento, a identificación de situacións que non fan sentir ben e os recursos aos que poden acudir. Estes obradoiros contribúen a fomentar desde idades temperás a capacidade de detección e resposta fronte a situacións de violencia.

 

Tamén desde este marco de traballo comunitario, a partir do 24 de novembro, os establecementos comerciais, asociacións e demais entidades do tecido empresarial e asociativo poderán solicitar e recoller o distintivo “En pé contra a violencia de xénero” para visibilizar o seu rexeitamento cara as violencias machistas, e que se atopa dispoñible tanto na Concellería de Servizos Sociais e Igualdade (Rúa Camilo Díaz Baliño s/n) como en Villa Echeverry (Avda. Ernesto Che Guevara, 45). Esta iniciativa busca promover a implicación directa do tecido social e económico do municipio, reforzando a mensaxe colectiva de rexeitamento do machismo e apoio á igualdade. Ademais, tamén se pode solicitar a versión web do distintivo para incluír en páxinas web e demais espazos online.

 

Ademais, ao longo da semana conmemorativa procederase á publicación e lectura do manifesto polo 25N, elaborado como cada ano desde o marco institucional e comunitario, reafirmando o papel da cidadanía como axente activo na construción dun Oleiros igualitario e libre de violencias. Ao longo dos vindeiros días difundiranse, a través dos canais municipais, os detalles das accións programadas no marco do 25N.

 

O propio 25 de novembro, o Castelo de Santa Cruz iluminarase en cor violeta, dando visibilidade a esta data fundamental e lembrando simbolicamente o compromiso municipal coa erradicación das violencias machistas.

 

Finalmente, o 29 de novembro, o Concello de Oleiros participará na XII Andaina “As Mariñas din NON á violencia de xénero”, que este ano terá lugar no Concello de Betanzos, con saída ás 11:00 h desde a Praza Irmáns García Naveira. Trátase dun acto comarcal que pon en valor o compromiso compartido dos concellos das Mariñas na loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres.

Deja un comentario