O Conservatorio Profesional de Carballo, o concerto “Será por flores” ou a historia dun dos programas de radio no exilio máis lendarios enchen a semana
O Novembro con Música remata ofrecendo citas variadas pero as tres de calidade. Música de banda, sons galegos cunha cantante que leva corenta anos de traxectoria ou un documental con coloquio porterior son os protagonistas. Todas as citas son de entrada libre ata completar a capacidade do recinto. A primeiros de semana o Conservatorio Profesional de Música (CMUS) de Carballo ofrece un concerto da súa Big Band. Formada por alumnos do Conservatorio e creada en 1993, interpretará temas do seu repertorio con aires de jazz. Será o martes 25 de novembro ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.
O cinema estará presente coa estrea do documental dirixido por Xan Leira Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración. O acto de presentación terá lugar o xoves 27 de novembro en homenaxe ao 75 aniversario da creación do histórico programa de radio dirixido polo xornalista carballés Toni de Seárez. “Sempre en Galicia” é un emblema da cultura galega promovida desde o exilio galeguista e republicano do Río da Prata que, desde 1950, ergueuse como unha ponte cultural radiofónica entre a diáspora americana e Galicia. Conmemorar o seu 75 aniversario é unha ocasión inmellorable para celebrar o legado deste programa e recoñecer a súa importancia na historia da cultura galega. Ao rematar a proxección, haberá un coloquio a cargo do director Xan Leira e de Manuel Suárez. A cita será a partir das 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.
O peche do programa chega o venres 28 con Uxía, que presenta Uxía, será por flores. A coñecida cantante galega celebra catro décadas de carreira cun espectáculo único e intimista, onde re visita os piares do seu percorrido musical e continúa explorando novas formas con liberdade creativa. O concerto é unha viaxe polas súas raíces galegas, composicións propias e músicas que a inspiraron. A súa diversidade reflicte os innumerables camiños que percorreu, sempre en constante evolución e transformación. A cita é ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e está organizada coa colaboración da Deputación da Coruña.
Por último, dentro das actividades complementarias, o andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición Zoom FIOT, un proxecto fotográfico sobre o Festival Internacional Outono de Teatro que se realiza desde hai 10 anos e que ofrece unha visión íntima e persoal do evento. Unha ollada privilexiada ao corazón dos espectáculos enmarcados na anterior edición do FIOT. Os fotógrafos participantes nesta exposición son: Cris Becerra, Raúl Lorenzo, Marcos Rodríguez, Esther Chamoso, Daría García, Fernando Lema e Fabiola Lorenzo. Poderá visitarse até o 30 de novembro de luns a sábado de 16.00 a 21.00 horas.
Ademais, o Pazo da Cultura tamén acolle a instalación artística de Noelia Paz titulada Xesto. Nela, a artista recolle o lema do FIOT “Raíz viva, memoria colectiva”. Para ela, as raíces son unha serie de nutrientes que conforman a nosa identidade colectiva e que xeran un efecto distinto en cada persoa. Un impulso que acaba derivando en xestos individuais. Tamén está no andar -1, a carón do auditorio.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.