Oleiros contará con dous núcleos de actividades de ocio relacionadas co nadal, situadas en Perillo e Santa Cruz. O venres 28 iniciará a súa actividade a Pista de Xeo natural situada na Polideportiva da Avda. II República en Perillo.
A pista de xeo abrirá o vindeiro venres 28 de novembro e manterá a súa actividade ata o 11 de xaneiro de 2025. Os horarios da pista en período lectivo serán de luns a xoves de 16:45 a 21:30h, venres de 16:00 a 23:30h e fins de semana e festivos de 11:00 a 23:00h. Durante o período de vacacións de nadal a pista abrirá de luns a domingo de forma ininterrompida de 11:00 a 23:00horas.
Durante os días 24 e 31 de decembro a atracción permanecerá aberta de 11:00 a 18:15 horas e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro o seu horario de apertura será de 18:30 22:45h e o Día de Reis (6 xaneiro) abrirá de 11:00 a 14:00 horas e de 16:45 a 23:00 horas.
O acceso á pista de xeo durante media hora ten un custe de 6,00 euros e inclúe o aluguer de patíns. É obrigatorio levar luvas.
O Concello de Oleiros mantense en contacto cos colexios públicos de primaria para organizar diversas saídas onde os nenos e nenas poderán gozar desta atracción antes das vacacións de nadal. O Concello financiará esta actividade na súa totalidade e da que se beneficiarán os nenos e nenas dos colexios públicos de Oleiros.
Ademais, a partir do día 5 de decembro ficarán instaladas na Praza Esther Pita, en Santa Cruz, outras atraccións de nadal a prezos populares para todas as crianzas. Ademais destes xogos, a Praza Esther Pita acollerá múltiples obradoiros de artes plásticas relacionados con esta época do ano, animación infantil e diversas actuacións musicais durante todo o mes de decembro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.