O vindeiro sábado 29 de novembro ás 18:00 horas, o auditorio Gabriel García Márquez de Mera acollerá a obra de teatro infantil Berenguela na gaiola.
O vindeiro sábado 29 de novembro, ás 18.00 horas, no Auditorio Gabriel García Márquez representarase a obra Berenguela na gaiola (Premio Manuel María). Este espectáculo é unha divertida e emotiva proposta para público familiar; unha coprodución de Galeatro e Xarope Tulú co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT) con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira. A peza foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais en 2025.
A obra está baseada no texto teatral de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. O elenco está formado por Alba Bermúdez e Tone Martínez, profesores da Escola de Teatro de Oleiros e por Atenea García, acompañados de Nicolás Zamorano, Carmen Casal e María Torres na escenografía e iluminación, Lorena Calvo na caracterización, Xavier Bértolo no espazo sonoro e Sol Álvarez no deseño e traballo audiovisual.
Nunha residencia da terceira idade traen de volta a Berenguela, unha anciá que aproveita para fuxir en canto pode. Quere volver á súa casa na aldea, onde sempre viviu, onde é feliz. Berenguela protesta, rosma, funga, ata que a súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris. Representando ‘Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela’, de Manuel María, as tres anciás atoparán a liberdade que cren perdida e a posibilidade de cambiar o mundo.
Esta obra está recomendada para maiores de 6 anos. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do auditorio.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.