Saturday 16 de November de 2024

Riveira acollerá o Primeiro Encontro Internacional de Postcrossing de Galicia


O evento terá lugar este sábado 16 de abril

Riveira vai acoller este sábado 16 o Primeiro Encontro Internacional de Postcrossing de Galicia: unha actividade promovida pola Escola Oficial de Idiomas en colaboración co Concello de Riveira e o CEIP de Frións, que vai estar complementada cunha exposición na Biblioteca Municipal de máis dun cento de postais de todos os puntos do planeta que poderá ser visitada dende hoxe mesmo ata o próximo 30 de abril.

Que é un encontro Postcrossing?

Os encontros de Postcrossing son organizados por “postaleiros” (xente que intercambia postais) porque, como os creadores de Postcrossing indican na descrición, o intercambio de correspondencia postal é estupendo, pero son as persoas e as conexións creadas as que o fan especial. Entón é normal que se fagan estas reunións ou “quedadas” para coñecer aos individuos detrás dos textos escritos.

Por que se fai este encontro?

O noso encontro ten varios obxectivos:

– quedarmos o máximo número de persoas posibles participantes no proxecto de “Palabras da man ao corazón”, tanto profesorado como alumnado, para conversar e intercambiar impresións sobre o seu desenvolvemento durante o seu primeiro ano de andadura e suxerir propostas de mellora.

– facer un exercicio de escritura creativa conxunta de todos os asistentes para responder ás postais que fomos recibindo durante todo o ano e que podedes ver neste apartado do blog.

– coñecer a outros membros de Postcrossing en Galicia.

– dar a coñecer aspectos menos coñecidos da cidade de Riveira aos nosos visitantes.

Quen pode asistir?

Calquera persoa interesada. Poden asistir tamén nenos/as se están supervisados por un adulto.

Cal será o programa de actividades?

O encontro durará aproximadamente desde as 11.30 da mañá ata as 5 da tarde, e estas serán as actividades que se levarán a cabo:

11:00 – Encontro dos asistentes na entrada do IES número 1 de Riveira, o centro onde está localizada a nosa sección da EOI. Desde alí faremos grupos para organizar a busca do tesouro da cidade (en inglés) que durará unha hora.

12:30 – Encontro na Praza do Concello e visita a tendas locais para mercar postais (quen o desexe) e a correos para os selos.

13:30 – Comida no Restaurante A Dorna (os/as interesados/as poden escribir ao correo dpastoriza@eoisantiago.org).

16:00 – Visita á exposición de postais de dous “postaleiros” da contorna, Luís Teira e Diana Pastoriza, na Biblioteca Municipal de Riveira e escritura conxunta de postais multilingües (maiormente en inglés, galego e castelán) do encontro.

Que preciso levar?

Non é preciso traer nada, pero recoméndase traer o seguinte:

– Un dispositivo móbil (smartphone ou tableta) para poder realizar a busca do tesouro (é suficiente con que un membro do grupo o teña). Basta con un por grupo.

– Bolígrafos de cores e/ou pegatinas. A moita xente gústalle a “arte postal”, daquela decora as súas postais con debuxos, pegatinas, selos antigos, etc.

– Postais e/ou selos. Aínda que haberá oportunidade de mercalos en Riveira, tamén se poden traer postais e selos que xa teñamos na casa e nos gustaría enviar.