O Grupo Municipal do BNG vén de denunciar a vertedura previsiblemente contaminante rexistrada o pasado 16 de novembro no porto de Ribeira, consecuencia da saída de augas fecais a través dunha condución destinada unicamente á evacuación de auga procedente do río que descende pola rúa Rosalía de Castro.
A formación nacionalista alerta de que o episodio revela posibles conexións irregulares de augas residuais a canalizacións de pluviais, unha situación que, de confirmarse, suporía unha “vulneración das normas ambientais e de salubridade pública”.
O BNG mantén que o mar é “un recurso esencial para a identidade e a economía local”, do que dependen directamente miles de persoas entre mariñeiros, mariscadoras e traballadores do sector do mar. “Calquera vertedura, mesmo se parece pequena, provoca efectos acumulativos que danan o ecosistema, comprometen a saúde pública e poñen en risco os medios de vida de moitas familias de Ribeira”, sinala a organización.
O portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, urxe ao Executivo local a actuar xa que, segundo indicou, “non debemos permitir que o porto de Ribeira se converta nun punto de verteduras sen control. Debemos saber que aconteceu e adoptar medidas para identificar a orixe e evitar que isto se repita.” Para Pérez Barral a protección do mar é unha necesidade “se queremos garantir o futuro das persoas que viven do sector e para preservar o noso patrimonio ambiental”.
O BNG demanda medidas concretas
A formación pide que se realicen inspeccións técnicas das canalizacións mediante o visionado das canalizacións e atallar as posibles conexións irregulares que poidan existir. Unha vez feitos estes traballos deberíase reunir un grupo de traballo entre a concesionaria e Concello para trazar unha liña de mellora do control municipal e a comunicación pública dos resultados. Dende a formación nacionalista lembran que durante a súa etapa no goberno, existiron reunións periódicas coas concesionarias de servizos para corrixir múltiples deficiencias como puntos de vertedura incontrolados, puntos nos que había rupturas da rede ou nos que se coaba moita auga salgada do mar prexudicando os parámetros de saneamento.
“O porto é un símbolo de Ribeira e non pode quedar exposto a episodios que poñan en risco a calidade das augas nin a imaxe do municipio”, conclúe Pérez Barral.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.