Monday 24 de November de 2025

O Concello de Fene intensifica os traballos de limpeza preventiva dos ríos para reducir o risco de inundacións


As actuacións céntranse na retirada de pólas, restos vexetais e sedimentos nos principais cursos fluviais do municipio

A limpeza do cubo do muíño do Parque Lineal completouse co baleirado dos lodos acumulados para preservar este espazo patrimonial

O Concello de Fene intensificou nas últimas semanas os traballos de limpeza preventiva nos ríos do municipio co obxectivo de minimizar o risco de inundacións durante a tempada de chuvias. Estas actuacións, desenvolvidas pola área de medio ambiente, inclúen a retirada de pólas, restos vexetais e materiais arrastrados pola corrente, mellorando así o fluxo da auga e a capacidade de drenaxe das canles.

No treito urbano do río Cádavo, están rematados os traballos de limpeza no treito entre as inmediacións da Casa Consistorial e Perlío, permitindo recuperar a funcionalidade da canle e evitar obstrucións que poidan provocar desbordamentos.

Unha vez rematada esta fase, o Concello iniciou a limpeza de outras zonas sensibles, como o río Baa, no entorno da rúa Patria Galega (Barallobre), e a canle próxima á rúa Unión, en Maniños. Tamén se executarán actuacións na parroquia de Limodre, nun tramo que presenta acumulación relevante de restos vexetais.

Ademais, o Concello realizou o baleirado e limpeza do cubo do muíño do Parque Lineal, retirando os lodos e sedimentos acumulados co obxectivo de preservar este elemento patrimonial e mellorar o comportamento hidráulico da canle ao seu paso polo parque.

A alcaldesa, Sandra Permuy, sinalou que “este tipo de traballos son fundamentais para anticiparnos ás choivas máis intensas e para garantir a seguridade da veciñanza. Previr é a mellor ferramenta, e por iso estamos a actuar de forma sistemática en todos os puntos onde existe risco de inundación”.

Pola súa banda, a concelleira de medio ambiente, Cristina García, destacou que “a limpeza dos ríos non só reduce o perigo de inundacións, senón que contribúe á saúde ambiental dos nosos ecosistemas”. Engadiu que “todas estas actuacións responden a criterios técnicos e ambientais, e leváronse a cabo con especial coidado para minimizar o impacto e garantir unha mellora real do estado dos cursos fluviais”.

Con estes traballos, o Concello de Fene continúa avanzando no seu plan de prevención e mantemento dos ríos, reforzando a seguridade, a conservación patrimonial e a protección ambiental no conxunto do municipio.

Deja un comentario