Monday 24 de November de 2025

Guinarte reclama medidas urxentes ante o déficit de aparcamento no CHUS


O voceiro socialista advertiu da “situación insostible” que viven pacientes, familiares e profesionais no contorno do CHUS debido ao grave déficit de aparcamento, e reclamou que Xunta e Concello actúen con urxencia para cumprir os compromisos anunciados e mellorar a mobilidade na área hospitalaria.

O Grupo Municipal Socialista leva ao Pleno de novembro unha proposición para impulsar medidas urxentes que melloren a mobilidade no contorno do Hospital Clínico Universitario de Santiago, unha situación que, segundo o voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, “a día de hoxe segue a ser insostible”.

Guinarte advertiu de que “tanto a Xunta como o Concello levan demasiado tempo mirando para outro lado” e lembrou que, desde o inicio das obras de ampliación do hospital e do centro de protonterapia, “desapareceron centos de prazas de aparcamento e agravouse un problema que xa era moi serio”.

O concelleiro socialista subliñou que o propio estudo do Sergas recoñecía un déficit de máis de 300 prazas nas horas punta e que, segundo indicou, a situación “hoxe supera as 600”. “Esa é a crúa realidade: pacientes, familiares e profesionais chegan tarde, dan voltas interminables e non teñen alternativas reais de mobilidade”, afirmou.

Guinarte lembrou que en agosto de 2024 Xunta e Concello anunciaron “un gran acordo para mellorar accesos, reforzar o transporte urbano e interurbano, poñer en marcha un plan de transporte ao traballo e iniciar un novo aparcadoiro”, pero denunciou que “ano e medio despois, a realidade é que non se cumpriu nada”.

Segundo expuxo, “o transporte urbano segue igual, o interurbano segue sendo insuficiente, o plan de transporte ao traballo non existe e o aparcadoiro nin sequera aparece nos orzamentos da Xunta para 2026”. Tamén asegurou que por parte do Concello “tampouco houbo avances reais nin presión política para desbloquear este problema”.

O Grupo Municipal Socialista pide tres actuacións “moi claras”. En primeiro lugar, “que se convoque xa a comisión de seguimento, que leva meses paralizada sen ningunha explicación”. En segundo lugar, “que Xunta e Concello deixen de pasarse a pelota e cumpran dunha vez os compromisos asumidos, especialmente no reforzo do transporte público”. E, finalmente, que se presente “un cronograma serio, con datas claras, para as actuacións prometidas, incluído o novo aparcadoiro”.

Guinarte concluíu que “non podemos permitir que o hospital de referencia de 42 concellos e máis de 400.000 persoas siga colapsado mentres as administracións responsables viven instaladas na inacción”. Por iso, avanzou que o PSdeG reclamará “unha solución inmediata para que a xente poida aparcar mentres se fai o novo aparcadoiro”, ao considerar que “Santiago merece planificación, coordinación e solucións reais”.

Deja un comentario