Sunday 23 de November de 2025

Marta Abal acusa ao goberno de Sanmartín da falta de medios para reciclar en Berdía e pide actuacións inmediatas


O Grupo Municipal Socialista presenta o rogo no Pleno tras recibir numerosas queixas da veciñanza de Berdía polo mal estado da recollida selectiva, coa maioría dos núcleos sen contedores específicos e con dificultades reais para reciclar.

A concelleira socialista Marta Abal explicou hoxe que o Grupo Municipal Socialista presentou un rogo no Pleno deste xoves para solicitar melloras na recollida selectiva da parroquia de Berdía, despois de que a veciñanza trasladase numerosas queixas pola falta de contedores e polas dificultades reais para reciclar.
A concelleira socialista Marta Abal indicou que o obxectivo da iniciativa é “poñer en evidencia as deficiencias existentes e reclamar actuacións concretas que permitan ao rural acceder aos mesmos servizos que a cidade”.
Segundo explicou a edil, na maioría dos núcleos rurais da parroquia “só existe o contedor verde”, polo que non hai opción real de reciclar envases nin papel. “Non podemos pedir á cidadanía que recicle se o Concello non lles dá os medios mínimos para facelo”, sinalou Abal, quen considera que esta situación evidencia “unha fenda inaceptable entre os servizos do rural e os da cidade”.
A concelleira detallou que as peticións veciñais inclúen a instalación dun contedor amarelo en cada núcleo, dun contedor de papel na zona da Estación de Berdía e a colocación de puntos de recollida de pilas xunto aos iglús de vidro. Ademais, advertiu de que en determinados puntos “a situación e a fixación dos contedores supoñen un risco por mor da pendente ou do vento”, polo que considera necesario reforzar os elementos de suxeición para evitar desprazamentos.
Abal insistiu en que estas demandas son “imprescindibles para garantir unha reciclaxe responsable” e para ofrecer ao rural “os mesmos servizos básicos que calquera barrio da cidade”. Engadiu, ademais, que a ampliación da recollida selectiva prevista no novo contrato “debe chegar tamén ás parroquias, e non quedarse só na zona urbana”.
O rogo socialista solicita, en consecuencia, que o goberno de Sanmartín proceda á instalación dun contedor amarelo en cada núcleo de Berdía, así como dun contedor de papel na Estación, reforzando ao mesmo tempo os puntos de recollida xa existentes e incorporando “sistemas de retención alí onde resulte necesario” .
“Se queremos unha Compostela máis sostible, o primeiro é garantir igualdade de acceso á reciclaxe en toda a cidade, tamén nas parroquias”, concluíu Abal.

Deja un comentario