Sunday 23 de November de 2025

Antón Gómez López e Alba Raso Mora, vencedores na carreira popular de Novo Mesoiro, que despediu hoxe a tempada do circuíto Coruña Corre


Nos intres previos á proba homenaxeouse a figura do atleta galego Jesús Bernal, falecido este mes aos 78 anos, un habitual do circuíto e moi querido pola comunidade de deportistas que participa nas carreiras

Máis de 1000 deportistas participaron esta mañá de domingo na carreira popular de Novo Mesoiro, que supuxo a despedida da tempada do circuíto Coruña Corre, tras sete probas disputadas nos barrios da cidade.

Nesta última cita do ano, Antón Gómez López e Alba Raso Mora gañaron a proba absoluta e upáronse ao máis alto do podio nas categorías masculina e feminina, respectivamente.
Estiveron acompañados por Noa Mirantes, Abdelaziz Fatihi, Inés Pampín e Bruno Salido.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de trofeos realizada no polideportivo municipal do barrio, onde fixo balance desta tempada recalcando “as boas cifras de participación experimentadas, que reflicte un notable auxe do público feminino con respecto aos anos previos, por exemplo”.

Vázquez destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey con este programa deportivo, que incentiva a participación da cidadanía en probas de pequeno percorrido “e contribúe tanto a dinamizar os barrios da Coruña como a promover hábitos saudables entre persoas de todas as idades”.

A este respecto, o edil avanzou que moi pronto se abrirá a inscrición no medio maratón da Coruña, a C21, que se realizará o domingo 1 de marzo.

A xornada arrincou cun minuto de silencio en lembranza do atleta Jesús Bernal

Esta mañá, nos intres previos á carreira de Novo Mesoiro, as persoas participantes gardaron un minuto de silencio en homenaxe ao atleta ferrolán Jesús Bernal, falecido este mes de novembro aos 78 anos, e que era un habitual nas probas do circuíto da cidade. Bernal, unha persoa moi querida no eido das carreiras tanto en Galicia como en moitos outros puntos da xeografía nacional, contabilizou máis de 2.800 probas deportivas e 20.000 quilómetros percorridos ao longo da súa traxectoria.

Hoxe, as e os deportistas situados na liña de saída na rúa dos Ancares lembraron a súa figura, presente este mesmo ano en citas como as carreiras da Torre, Matogrande, San Pedro de Visma e Os Rosales.

Deja un comentario