– O BNG demanda a efectiva publicación dos convenios, urbanísticos ou doutra índole, asinados polo Concello de Culleredo.
– A ocultación dos convenios impide rematar coa sangría económica constante para o noso Concello motivada polo seu incumprimento.
– Este ano foron asignados a Culleredo 6,5 millóns dos fondos Edusi; a demanda polos terreos do Paseo Marítimo xa case triplica esa cantidade.
– Tanto nos últimos casos como nos coñecidos anteriormente, o Concello adoitaba fiar o cumprimento da súa parte á modificación do PXOM, que leva paralizado desde 2013.
A opinión pública, e o BNG con ela, tivo coñecemento nas últimas semanas de dous novos convenios urbanísticos que terían sido incumpridos polo Concello de Culleredo e que obrigarían a este a indemnizar á outra parte asinante.
No primeiro caso, trataríase do convenio que permitiu ao Concello facerse coa propiedade da Vila Melania, en Vilaboa. Neste caso xa se pronunciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, condenando ao Concello ao pagamento de 1,24 millóns de euros por non ter cumprido coas súas obrigas.
No outro caso coñecido recentemente, é unha demanda por importe de 18,4 millóns de euros dun convenio para obter terreos para o Paseo Marítimo, que aínda está a dar os seus primeiros pasos nos xulgados do Contencioso-Administrativo. Unha cantidade que, por si só, xa case triplica os fondos Edusi aprobados este ano para Culleredo.
Estes casos veñen sumarte aos xa coñecidos do Colexio Ría do Burgo, do paseo do Rego de Trabe e da ampliación da Casa do Concello. Coma nos anteriores o Concello adoitaba fiar o cumprimento da súa parte na modificación do PXOM, modificación que non se produciu. Aínda estamos a rexirnos polo PXOUM de 1985, tendo o Goberno Municipal paralizado o proxecto de PXOM aprobado inicialmente en 2013, sen que queiran explicar os verdadeiros motivos.
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “vimos arrastrando unha pesada lousa da que descoñecemos o tamaño e que lastra fondamente o desenvolvemento do noso Concello. A ocultación destes convenios fai imposíbel poñer fin á sangría económica que supoñen para as arcas municipais as indemnizacións que xa pagamos e que parece vamos continuar a pagar ante a actitude impasíbel do Goberno Municipal”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.