Sunday 23 de November de 2025

Villaverde destaca a colaboración da Xunta e Algacari na posta en valor do patrimonio marítimo


– A través do convenio que Mar vén renovando coa asociación coruñesa desde o 2008

– A conselleira participou nas XIII Xornadas de Construción Naval en Madeira, organizadas por dita agrupación

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado nas XIII Xornadas de Construción Naval en Madeira, organizadas pola Asociación Galega Carpintería Ribeira (Algacari), e que se enmarcan na colaboración que a Xunta vén mantendo con esta agrupación desde 2008 para dinamizar e por en valor o patrimonio marítimo.

Desde esa data, o departamento que dirixe Villaverde renova con carácter anual o apoio económico a este ente, e que xa ascende a 385.000 euros, demostrando a aposta da Xunta por un sector que tamén está a ser nicho de traballo para futuras xeracións.

Asemade, a Administración autonómica consolida o compromiso de salvagardar esta actividade co Plan de Cultura Marítima Horizonte 2030 (Pcuma), a Estratexia de Economía Azul 2024-2027 e os proxectos que impulsan os Grupos de Acción Local Pesqueira (Galp), axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo de Pesca (Femp) e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Estas achegas, cifradas en 680.000 euros, permitiron, entre outras accións, a conversión da Casa do Pendón nun centro de interpretación do estuario de Anllóns, a restauración do Dique da Cabana e a súa contorna, a reconstrución dun barco sancosmeiro, a musealización da carpintería e a recuperación da música e os oficios vinculados ao mar.

Algacari foi declarada pola Xunta como Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial no 2017. Agrupa ao 98 % das carpinterías de ribeira activas de Galicia, das que 20 son estaleiros, a maior parte emprazados na ría de Arousa. Este sector ten un impacto laboral de 100 empregos directos e uns 500 indirectos. O seu volume de facturación sitúase nos 10 millóns de euros.

Deja un comentario