Sunday 23 de November de 2025

O Grupo Municipal Socialista critica o “abandono continuado” do Goberno da señora Sanmartín na senda de Aríns e nas cunetas da Rocha Vella


Marta Abal acusa ao goberno de Sanmartín de desatender tarefas básicas de limpeza e mantemento, tras comprobar o mal estado no que se atopan a senda de Aríns e as cunetas da Rocha Vella.

O Grupo Municipal Socialista presentou dous rogos no Pleno deste xoves para denunciar “unha vez máis, o abandono continuado ao que o goberno da señora Goretti Sanmartín está sometendo á nosa cidade”, segundo afirmou a concelleira socialista Marta Abal.
A edil explicou que a senda de San Martiño de Aríns “leva semanas nun estado lamentable”, describindo un percorrido “completamente cuberto de follas e restos vexetais que converten o trazado nun risco real de esvaróns e caídas”. Abal subliñou que “é imprescindible que o goberno municipal actúe de inmediato e garanta un percorrido seguro para toda a veciñanza”.
A concelleira trasladou tamén que na Rocha Vella “moitas das cunetas se atopan nun estado de abandono evidente, cheas de terra e maleza, reducindo o espazo de paso e impedindo que a auga da chuvia circule con normalidade”. Por este motivo, o PSdeG solicita “a súa limpeza e desbroce canto antes”.
Abal defendeu a presentación destes dous rogos para “esixir que o goberno de Goretti Sanmartín deixe de dar as costas á cidadanía e actúe tanto na senda de Aríns como nas cunetas da Rocha Vella”. A socialista advertiu que “Compostela non pode ter veciñas e veciños de primeira e de segunda, e o mínimo que debe garantir un goberno é limpeza, seguridade e respecto pola xente”.

Deja un comentario