Sunday 23 de November de 2025

O Concello avanza coa folla de ruta prevista nos Cantóns, onde o vindeiro martes se iniciarán os traballos de transplante do exemplar de metrosidero


Ademais, este luns 24 rexistrarase un corte de tráfico na rúa Alcalde Manuel Casás, onde se executarán tarefas de pavimentado no cruzamento coa avenida da Marina

O Concello prosigue estes días coas obras de remodelación dos Cantóns, centradas actualmente na contorna do Obelisco, onde o vindeiro martes comezarán as tarefas para transplantar o exemplar de metrosidero do Cantón Grande, unha árbore emblemática na paisaxe urbana desta parte da cidade.

O novo emprazamento do metrosidero estará a só uns metros da súa localización actual.
Será máis preto do Obelisco, o que permitirá avanzar na reconfiguración dos accesos do aparcadoiro subterráneo para garantir melloras de accesibilidade, como a instalación dun novo ascensor conectado coa superficie, inexistente ata agora, e que é imprescindible para permitir o acceso a persoas con mobilidade reducida ou con carriños de crianzas.

Ademais, segundo os informes técnicos do proxecto, o crecemento do metrosidero co paso dos anos esixiu que conte cun substrato no que se poida desenvolver sen compromisos no subsolo. Co traslado, o obxectivo é salientar o valor da árbore dándolle unha situación rodeable, no que a copa do metrosidero recupere tamén a súa simetría.

Agora, tras ampliarse a zona de excavación —co correspondente control arqueolóxico—, xa é posible iniciar as tarefas de transplante da árbore, que serán visibles estes días.

Este luns, corte de tráfico na rúa Alcalde Manuel Casás

Tamén no referente ás intervencións nos Cantóns, este luns 24 de novembro, a partir das 10.00 horas, a circulación en sentido entrada e saída da cidade volverá a realizarse pola avenida da Mariña na franxa de calzada pegada á beirarrúa da Subdelegación, recuperando a configuración definitiva e eliminando o actual desvío por Alcalde Manuel Casás e Ambrosio Feijoo.

Ademais, cortarase ao tráfico a rúa Alcalde Manuel Casás para completar a pavimentación do cruzamento desta coa avenida da Mariña.

Deja un comentario