•O Concello destaca o acendido das luces o 12 de decembro, a apertura do Mercado Navideño e a nova proposta de convivencia para comezos de ano
O Concello de Muxía presentou a súa programación oficial do Nadal 2025, que decorrerá entre o 12 de decembro e o 6 de xaneiro e inclúe máis dunha vintena de actividades pensadas para todos os públicos. O goberno municipal subliña tres citas principais: o acendido das luces, a apertura do Mercado Navideño, e como grande novidade, a celebración do primeiro Baile Social de Nadal.
O programa arrincará o 12 de decembro ás 19.00 horas no Porto de Muxía, onde terá lugar o tradicional acendido das luces. O acto contará cun espectáculo infantil de Moc Moc, chocolatada e fogos de artificio que servirán para inaugurar oficialmente o ambiente festivo no municipio.
O 19 de decembro, ás 17.00 horas, abrirase na Sala Gervasio Sar o Mercado Navideño, que permanecerá dispoñible os días 20, 21, 27 e 28 de decembro en horario de mañá e tarde. O Concello lembra que o prazo para inscribirse como posto participante remata o 1 de decembro, e que as solicitudes deben realizarse mediante chamada ao propio consistorio.
Como novidade destacada, o 4 de xaneiro celebrarase por primeira vez o Baile Social de Nadal, tamén na Sala Gervasio Sar, entre as 19.00 e as 22.00 horas. O evento contará coa actuación de Claudia Zurita e está pensado como unha proposta de encontro e convivencia interxeracional, coa intención de consolidarse como actividade fixa nas vindeiras edicións.
O programa complétase con talleres infantís, teatro, visita de Papá Noel, maxia, excursión á pista de xeo, actividades nos colexios e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que rematará con inchables e animación na Sala Gervasio Sar desde as 19.00 horas. Nota de Prensa
O Concello de Muxía convidou á veciñanza e visitantes a participar activamente en todas as propostas e destacou o compromiso do goberno municipal por ofrecer unha programación variada, cultural e adecuada para todas as idades.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.