A declaración institucional con motivo do Día Internacional contra as Violencias Machistas, que este ano estará centrada na violencia dixital, abrirá o pleno ordinario de novembro. O alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e a de Facenda, Belén Lendoiro, presentaron hoxe o contido da sesión, convocada para o luns 24 ás 20.30 horas.
Despois da lectura da declaración institucional, que, como é costume no noso concello, está avalada por todos os grupos, a corporación aprobará un novo convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa, no que se ampliarán de 80 a 100 as prazas dispoñibles.
Poden ser beneficiarias do programa persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e carezan de rede de apoio, persoas dependentes que requiren axuda para preparar os alimentos ou en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais. O custo actual do servizo é de 7,32 euros por día e persoa, do cal o consorcio achega o 46,66%; a persoa beneficiaria, o 26,67%, e o Concello, outro 26,67%, se ben o Concello tamén se fai cargo da porcentaxe correspondente ás persoas beneficiarias no caso de necesidade.
O segundo acordo que adoptará a corporación será a aprobación da segunda fase do POS+Adicional 4/2025. Dos 614.156,29 € que lle corresponden ao Concello de Carballo, no pleno anterior acordouse destinar unha parte a gasto corrente, e nesta sesión proponse destinar unha partida de 299.587,46 euros á execución do proxecto de abastecemento a Vilar de Francos e As Pallas, co cal na parroquia de Artes quedarán sen servizo unicamente as vivendas situadas nos puntos máis altos. O alcalde explicou que así se informou xa no consello parroquial de Artes, celebrado este xoves 20.
Na parte de control do pleno está incluída, en primeiro lugar, unha moción do PSOE sobre a inclusión do inmoble que acolle a sede do Casino de Carballo, e nese punto tamén está prevista a comparecencia dun representante da Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños.
Tamén se dará conta ao pleno da aceptación das dedicacións exclusivas por parte da Alcaldía e da Concellaría de Deportes, Mocidade e Captación de recursos públicos; así como do informe de morosidade, que reflicte un descenso do período medio de pago a provedores, que se sitúa en 24,09 días.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.