— Salienta o papel deste certame pola promoción de escritores novos na nosa lingua e erixe como “un dos seus maiores éxitos ter feito agromar un público lector moi fiel”
— A escritora gañadora participou na Residencia Literaria Illa de San Simón e na do Gaiás, organizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
— Nesta convocatoria presentáronse 43 escritos orixinais, que se suman aos 600 desde a súa creación en 2006
— O recoñecemento está dotado con 12.000€ e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, enxalzou hoxe a “relevante contribución ao prestixio e fomento da lectura en galego” do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, que apoia a Xunta. Fíxoo durante a entrega do galardón á gañadora da XIX edición, Carmen V. Valiña, pola obra A illa que supuraba sangue.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén salientou o papel deste certame pola “promoción de escritores novos na nosa lingua”, ao tempo que lle atribuíu como “un dos seus maiores éxitos” ter feito agromar un público lector “que se distingue pola súa alta fidelidade”.
Por estes motivos, incidiu en que o apoio do Goberno galego desde 2006 “está máis que avalado polo pulo á dinamización e á creación no noso idioma, que ten demostrado ao longo destes preto 20 anos de existencia”. Precisamente, destacou o feito de que, neste período de tempo, levan participaron case 600 obras orixinais de escritores e escritoras galegas, da cales 43 foron nesta edición.
Valentín García felicitou a premiada pola súa novela e “o seu compromiso coa creación literaria en galego, fomentando o seu uso social”. Cómpre lembrar que o xurado tamén valorou a habilidade da escritora “para mergullar o lector nun xogo de espellos temporais”, no que está presente a illa de San Simón como escenario actual, considerándoa así merecedora dun galardón dotado con 12.000€ e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia.
Sobre a gañadora
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos. En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura.
Case 20 anos impulsando literatura en galego
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, a Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.
O xurado desta edición estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, María Álvarez Landesa.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.