A delegada da Xunta explicou que esta iniciativa, dotada con 5 millóns de euros estrutúrase en tres liñas principais: eficiencia enerxética, dixitalización e para melloras de fachadas, cubertas e muros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, animou aos posibles beneficiaros a solicitar as axudas para o embelecemento do litoral dirixidas aos propietarios de establecementos de aloxamento e restauración, por concorrencia competitiva, e informou que o prazo de solicitudes ampliouse ata o 12 de decembro para facilitar que se presenten máis solicitudes. Esta iniciativa, está dotada con 5 millóns de euros, con carácter plurianual 25/26.
A representante do Goberno galego fixo estas declaracións durante a visita ao establecemento Casa Raul, a primeira casa rural que abriu en Galicia, beneficiario deste tipo de axudas o que lle permitiu levar a cabo a mellora das súas fachadas grazas a unha achega da Xunta de máis de 17.000 euros. A actuación centrouse na fachada posterior, onde se levou a cabo a limpeza, lixado, sellado de gretas e pintado da superficie. Así mesmo, a delegada destacou a importancia da recuperación estética mediante a colocación de pedra natural nas mochetas das fiestras, unha actuación que —explicou— “permite manter a coherencia coa arquitectura rústica e preservar a identidade da edificación dentro da paisaxe rural”.
En relación coa fachada sueste, Belén do Campo puxo en valor a aplicación do Sistema SATE de 5 cm con malla de fibra, destinado a mellorar o illamento e optimizar a eficiencia enerxética do inmoble. “A rehabilitación non só embelece, senón que tamén contribúe ao aforro e ao confort, e é nesa dirección onde queremos seguir apoiando aos establecementos do sector turístico”, afirmou.
A obra tamén contemplou labores de lavado e encintado do paramento de pedra na fachada sur, así como a colocación de pedra natural nas zonas de bloque sen revestir das fachadas sur e noroeste. “Estas actuacións garanten un acabado homoxéneo, resistente e respectuoso coa tradición construtiva da zona”, sinalou.
Finalmente, puxo en valor a instalación de tella vermella do país sobre a cuberta existente de placas de fibrocemento sen amianto na fachada noroeste, subliñando que se trata “dunha mellora que contribúe á seguridade, durabilidade e correcta integración do anexo no seu contorno”.
Comarca Costa da Morte
Belén do Campo subliñou que na comarca de Costa da Morte recibiron estas achegas, na última convocatoria, 7 establecementos de 3 concellos (Cee, Dumbría e Fisterra) por un importe total de máis de 109.000 euros. Na provincia estas axudas chegaron a 21 negocios de 14 concellos por unha cantidade de máis de 505.000 euros.
Belén do Campo animou ás persoas propietarias de negocios de aloxamento e restauración a beneficiarse desta oportunidade, lembrando que estas axudas tamén buscan fomentar a conservación e posta en valor dos establecementos situados no litoral, contribuíndo á súa rehabilitación e á súa proxección como atractivo turístico, ao tempo que se aposta por unha xestión máis sostible con importantes aforros nos seus consumos de enerxía.
Segundo indicou a delegada estas subvencións están dirixidas a hoteis, cámpings, establecementos de turismo rural e outras modalidades de aloxamento, así como a restaurantes, cafeterías e bares. As solicitudes poderán presentarse ata as 20.00 horas do 12 de decembro. A subvención poderá cubrir ata o 80 % do investimento, cun máximo de 250.000 € por proxecto (segundo a liña solicitada).
As axudas estrutúranse en tres liñas principais: eficiencia enerxética, dixitalización e para melloras de fachadas, cubertas e muros
Axudas sector turístico
Belén do Campo destacou que esta iniciativa está orientada a reforzar a actividade económica na franxa costeira ao tempo que se garante o respecto polos valores ambientais e sociais. Subliñou ademais que “desde Turismo de Galicia contamos con diversas liñas de apoio para reforzar o sector e atraer novos visitantes á comarca Bergantiños-Costa da morte”.
Ademais desta orde, o sector conta con axudas para a mellora de infraestruturas en establecementos de aloxamento e restauración, dotada con 2,3 millóns de euros e orientada a impulsar a competitividade mediante investimentos en accesibilidade, dixitalización e modernización das instalacións.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.