O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a obra dirixida por Iago Prado e que se estreará o 26 de novembro no Fórum Metropolitano
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este venres ‘Luz, cinza e pedra. Cartografía da memoria coruñesa’, unha serie documental realizada por Nós Televisión co apoio do Concello da Coruña que afonda na memoria democrática da cidade. A estrea celebrarase no Fórum Metropolitano o vindeiro mércores 26 de novembro ás 19.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade.
Ademais da proxección dos 3 capítulos, terá lugar unha presentación e coloquio por parte das persoas responsables da serie audiovisual e participantes no proxecto.
“Desde o Concello buscamos dar voz a aquelas persoas que loitaron pola restitución da memoria democrática, e potenciar a divulgación de aqueles feitos para evitar que algo así poida repetirse algún día”, indicou Gonzalo Castro, quen recordou que a recuperación da memoria histórica é un dos eixos fixados pola alcaldesa, Inés Rey, desde o 2019. O proxecto dirixido por Iago Parga conta coa participación das asociacións e persoas que traballan pola recuperación da memoria democrática da cidade e arroupa a reivindicación de que a Casa Museo Casares Quiroga, a zona da península da Torre, Punta Herminia e Campo da Rata; e a Casa Cornide sexan declarados Lugares de Memoria Democrática.
A serie, de tres capítulos, estará dispoñible nas próximas semanas na canle de YouTube de Nós Televisión, no canle 9 de R para toda Galicia e en Movistar Plus+ para España. O Concello da Coruña, co apoio a esta serie audiovisual, reforza o seu compromiso coa recuperación da memoria democrático cando se cumpre medio século da morte do ditador Francisco Franco, documentando os crimes e a represión sufrida na cidade durante a Guerra Civil e o Franquismo.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.