Sunday 23 de November de 2025

Neda abre inscricións nun cursiño para persoas que coidan de familiares con alzhéimer e outras demencias


O Concello de Neda programa na primeira semana de decembro dúas charlas de formación especializada en alzhéimer e outras demencias. Trátase dunha iniciativa, impulsada por Afal Ferrolterra e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, para detectar síntomas temperás desta enfermidade, e aprender técnicas de apoio para a autonomía das persoas afectadas. Para participar haberá que anotarse, chamando ao teléfono 981370692.

O cursiño desenvolverase o mércores 3 e xoves 4 de decembro, de 11 a 13 horas, no Centro cívico de Neda. A proposta vai dirixida ao conxunto da poboación, non obstante, estará especialmente indicada para coidadores informais, é dicir, veciñas e veciños que se ocupan do coidado dos seus familiares maiores con deterioro cognitivo, de persoas con alzhéimer ou outras demencias, ou ben con outro tipo de dependencia.

Na primeira entrega, o equipo da asociación falará sobre a sintomatoloxía, as fases do alzhéimer, e as terapias non farmacolóxicas para mellorar a calidade de vida. Ademais porá o foco nos sinais de alerta. A segunda xornada centrarase nas mobilizacións e transferencias do paciente, con consellos prácticos para o seu benestar e máis o da persoa coidadora.

Para asistir cómpre apuntarse no teléfono indicado con anterioridade ou escribindo un correo electrónico a mariagarcia@alzheimerferrolterra.com. A actividade, que é totalmente de balde, está financiada pola Mancomunidade e conta co apoio do Concello de Neda.

Deja un comentario