O circuíto Coruña Corre despídese esta fin de semana cunha proba de 5,5 quilómetros polas rúas e sendas do barrio. Está prevista a participación de máis de 1.100 persoas
O circuíto de carreiras populares Coruña Corre despídese esta fin de semana ata o ano que vén. A tempada rematará no barrio de Novo Mesoiro, onde se celebrará a última proba do calendario, que arrincará este domingo ás 10.00 horas na contorna do polideportivo municipal, na rúa dos Ancares. O circuíto Coruña Corre é unha das actividades promovidas polo Goberno de Inés Rey que máis deportistas mobiliza na cidade ao longo do ano.
Son máis de 1.100 as persoas participantes previstas na proba, que comezará coa saída da quenda en categoría absoluta. O percorrido, de 5,5 quilómetros, discurrirá principalmente polas rúas e sendas do barrio, con trazado pola rúa Laxe, a avenida de Novo Mesoiro, Illa de Sálvora, o parque de Novo Mesoiro, Illas Cíes, Fragas do Eume, Ribeira Sacra e, xa no treito final, novamente pola rúa Laxe e chegada pola rúa dos Ancares.
Neste sentido, está previsto que os cortes de tráfico por mor da carreira sexan efectivos dende 15 minutos antes da carreira. A rúa dos Ancares permanecerá pechada desde o inicio das tarefas de montaxe ata a finalización das probas.
Ademais, ata as 11.30 horas estará afectado o percorrido principal indicado previamente. A partir desa hora xa se irán liberando progresivamente as rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra e o treito da avenida de Novo Mesoiro que une estas dúas rúas con Illa de Sálvora. A previsión do Concello é que, xa ás 12.00 horas, só estén pechadas as rúas Ancares e Laxe.
A entrega de dorsais, desde primeira hora, no pavillón polideportivo municipal
A xornada da carreira arrincará coa entrega de dorsais no pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro, situado a carón da rúa dos Ancares. O reparto terá lugar dende as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das categorías inferiores.
No pavillón tamén se concentrarán a meirande parte de servizos que se habilitarán ás persoas participantes na proba: gardarroupa (desde as 9.00 horas) e duchas (de 10.30 a 13.00 horas). Tamén será alí onde se efectúe a entrega de premios.
Ademais, como xa é habitual en cada carreira, haberá auga e avituallamento sólido para as persoas participantes na súa chegada á meta.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.