• O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, comprobou os avances nunha intervención centrada na eliminación de especies invasoras e a mellora dos accesos norte e sur á praia, facendo chegar o asfaltado ata a area e promovendo unha maior integración paisaxística.
O Concello de Miño puxo en marcha as obras de intervención paisaxística na contorna da Praia de Perbes, unha actuación dotada dun orzamento de 84.149,06 euros e financiada cunha achega de 60.000 euros da Xunta de Galicia. Os traballos teñen como finalidade a recuperación ambiental da área e a mellora da mobilidade peonil nos accesos a un dos areais máis concorridos do municipio.
A actuación inclúe a retirada de especies exóticas invasoras, especialmente Arundo donax, localizada no perímetro do areal, co obxectivo de favorecer a rexeneración da vexetación autóctona e protexer o ecosistema.
Paralelamente, están a acondicionarse os accesos norte e sur para lograr unha integración máis harmoniosa coa paisaxe. No acceso norte xa se comezou a eliminar unha franxa de asfalto para colocar unha plataforma de madeira duns 50 metros cadrados que permitirá salvar a diferenza de cota entre o vial e a praia, creando unha transición máis acorde coa contorna.
Tamén está prevista a substitución das duchas por lavapiés, co fin de promover un consumo máis responsable da auga durante a época estival.
En canto ao acceso sur, a actuación céntrase na renovación do pavimento, actualmente danado polo paso de maquinaria pesada. Instalarase un novo firme e un banco corrido de madeira xunto ao noiro, o que mellorará tanto a funcionalidade do acceso como o seu aspecto visual. O proxecto contempla ademais a creación de zonas de
estancias integradas na paisaxe para que os usuarios do areal poidan gozar da contorna natural de maneira cómoda e respectuosa.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, visitou e comprobou o avance dos traballos e indicou a súa satisfacción por “poder materializar actuacións que reafirman unha dás nosas grandes liñas de traballo como goberno: recuperar e promover vos nosos espazos naturais para que deste xeito sexan máis atractivos e accesibles”




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.