Sunday 23 de November de 2025

San Sadurniño participou en Santiago nas xornadas sobre economía circular organizadas pola Consellería de Medio Ambiente


O Concello de San Sadurniño participou este xoves en Santiago na xornada de traballo organizada pola Oficina de Economía Circular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia. Un encontro ao que asistiron as concelleiras Raquel Piñeiro López e Araceli Bellas Castro e que estivo centrado na posta en común de propostas para avanzar cara a un modelo de xestión dos residuos máis sostible. As mesas de traballo reuniron a persoal técnico e político, tecido asociativo, empresas e especialistas para abordar este e outros desafíos da economía circular a nivel local. San Sadurniño aproveitou o foro para falar do reto que suporá implantar a compostaxe doméstica no municipio, para a cal xa se está levando a cabo unha campaña informativa e de reparto de composteiros que se poden solicitar aquí.

As xornadas tiveron como obxectivo principal compartir experiencias e identificar medidas que permitan acelerar a transición cara á economía circular nos concellos galegos. De feito, a convocatoria ten moito que ver coa Estratexia Galega de Economía Circular promovida pola Xunta, que aposta por reducir a xeración de residuos, fomentar a reutilización e potenciar novos modelos produtivos máis respectuosos co medio ambiente.

A actividade estruturouse en catro mesas de traballo temáticas: normativa, sensibilización, modelos innovadores e contratación pública. A titular de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, participou na mesa dedicada a modelos innovadores, onde se debateron iniciativas que xa se están a desenvolver en San Sadurniño -onde agora se traballa na transición cara á compostaxe doméstica- e tamén noutros territorios, que poden servir de referencia para mellorar a eficiencia na xestión municipal dos residuos.

Pola súa banda, Araceli Bellas Castro, responsable de Igualdade pero tamén da coordinación das políticas municipais, integrouse na mesa referida á contratación, un ámbito clave para introducir criterios circulares nos procedementos administrativos e favorecer prácticas sostibles desde a administración local.

Cada mesa contou coa presenza de persoas expertas nos diferentes ámbitos, que ofreceron orientación técnica e situaron os debates no contexto das necesidades reais do territorio galego. “Grazas a este encontro puidemos poñer en común e analizar problemas que afrontamos os concellos, e a partir de aí elaborar propostas concretas para avanzar en aspectos como a redución de residuos, a mellora das infraestruturas ou o fortalecemento das campañas de sensibilización veciñal”, explica Raquel Piñeiro López.

As dúas representantes municipais destacaron ao remate da sesión o valor das dinámicas participativas e o intercambio directo con outras administracións, empresas e organizacións sociais. Segundo sinalaron, encontros deste tipo permiten “contrastar ideas, coñecer boas prácticas e reforzar o compromiso común coa Axenda 2030 e coa transición cara a un modelo máis sostible”, comenta Araceli Bellas Castro.

Solicitude de composteiros
Unha das cuestións que abordou San Sadurniño nas xornadas foi a do tratamento dos restos orgánicos, que supoñen neste momento entre un 40 e un 50% do peso da bolsa do lixo. O Concello está tomando mostras en todas as parroquias do tipo de lixo que se bota nos colectores para dispor de datos reais e actuais sobre cal é a proporción de cada tipo de resto. O estudo ofrecerá unha radiografía precisa do noso lixo, coa finalidade de mellorar no posible as ratios de redución e reciclaxe e tamén para facer máis eficiente o sistema de recollida.

O Concello xa anunciou a súa aposta pola compostaxe doméstica para xestionar o orgánico. Por iso tamén se puxo en marcha unha campaña informativa e de distribución de composteiros, que poden solicitarse chamando ao 981 490 027 ou ben a través desta ligazón. Entre este outono e principios de 2026 repartiranse polo territorio máis de 200 depósitos de 400 litros de capacidade, que irán acompañados de información sobre como utilizalos.

Deja un comentario