· O Concello e Gallaecia Raid presentaron hoxe ambas as probas, que unirán orientación, aventura e natureza.
· Pola mañá celebrarase a proba de MTBO e pola tarde-noite a competición de orientación.
Case 300 deportistas participarán mañá, sábado 22 de novembro, nunha intensa xornada deportiva con dous eventos organizados conxuntamente co club Gallaecia Raid, que reunirán a participantes de toda Galicia e do norte de Portugal: a I Orientación Nocturna de Bergondo e a sexta proba da liga MTBO 2025.
A Senra acolleu hoxe a presentación de ambas as probas, na que participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a concelleira de Deportes, Patricia Vázquez, e un directivo do club Gallaecia Raid, Ángel Albarrán.
Pola mañá, 78 persoas participarán na sexta proba da liga MTBO 2025, puntuable ademais como Campionato Xunta de Galicia en distancia media, unha competición de orientación en bicicleta de montaña que poñerá a proba a habilidade e a resistencia dos orientadores galegos.
A carreira discorrerá polos carreiros e pistas do municipio e constará dunha única proba en media distancia, cun percorrido secreto que os participantes coñecerán só no momento da saída. A primeira saída será ás 10:30 horas e a entrega de trofeos terá lugar ás 13:30 horas.
Xa pola tarde-noite, o deporte volverá ser protagonista coa celebración da I Orientación Nocturna de Bergondo, que conta con 218 persoas rexistradas. Esta é unha proba popular aberta a todos os públicos que nace co obxectivo de achegar esta disciplina ao conxunto da cidadanía.
Organizada tamén polo Concello de Bergondo e Gallaecia Raid, a carreira desenvolverase en formato Rogaine, no que cada participante ou grupo deberá deseñar a súa propia estratexia para alcanzar o maior número posible de puntos dentro do tempo establecido.
Haberá tres modalidades:
• Carrera longa (3 horas), pensada para orientadores experimentados.
• Carrera curta (1,5 horas), para quen busca menor esixencia física ou se inician na orientación.
• Carrera infantil (1 hora), sen dificultade técnica, dentro das instalacións da Senra, especialmente pensada para nenos e nenas.
A proba arrincará coa recollida de dorsais ás 17:00 horas, e as saídas serán a partir das 18:30 horas. Os participantes deberán levar roupa deportiva, lanterna ou luz frontal, chaleco reflector, compás e teléfono móbil, sendo imprescindible controlar o tempo para non exceder o límite de carreira.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.