— O informe anual de Education First sitúanos líderes por segundo ano consecutivo, con 563 puntos, 23 máis que a media de España e 73 máis que a global
— Galicia sitúase na táboa de dominio alto da lingua inglesa no contexto mundial, mentres que o conxunto de España queda na de manexo moderado
— Vigo e A Coruña lideran a listaxe de urbes analizadas, por diante das principais cidades do Estado
— Trátase do estudo máis completo a nivel internacional neste eido, con enquisas a 2,2 millóns de persoas de 123 países e rexións do mundo
O informe anual de Education First (EF) vén de consolidar a Galicia por segundo ano consecutivo como a comunidade con maior nivel de inglés de España. Cunha puntuación de 563 puntos, 23 máis que a media de España e 73 máis que a media global, Galicia sitúase na táboa de dominio alto da lingua inglesa no contexto mundial, mentres que o conxunto de España queda na de manexo moderado da mesma.
As cinco mellores puntuacións a nivel comunidades son as Galicia (563 puntos), A Rioxa (560), Madrid e Navarra (553), Asturias (552) e País Vasco e Cantabria (550 puntos).
Segundo os datos da edición 2025 deste informe, tamén as cidades galegas son as que lideran a listaxe de urbes analizadas. Vigo está á cabeza, con 569 puntos, seguida pola Coruña (567). No grupo de cabeza de España están tamén Barcelona (566), Zaragoza, Granada e Xixón (562), así como Madrid e Santa Cruz de Tenerife (560 puntos).
Este informe é o maior estudo a nivel internacional. Analízanse os resultados das enquisas realizadas a 2,2 millóns de persoas de 123 países e rexións de todo o mundo, dos cales o 54% foron mulleres e o 46% homes, cunha idade media de 26 anos.
Estratexia de linguas estranxeiras
A Xunta celebra os resultados de Galicia neste estudo, que veñen referendar o éxito das medidas que o Goberno a galego está a impulsar a través da Estratexia de linguas estranxeiras, Edulingüe 2030. Entre outras accións, Galicia conta este curso con máis centros no modelo plurilingüe ca nunca, 522, e acada un novo récord de auxiliares de conversa. Son un total de 690 auxiliares, procedentes de 19 países, que prestan apoio á aprendizaxe de idiomas este curso en 791 centros de todo o territorio.
Ademais, máis de 8.000 alumnos e docentes beneficiáronse o pasado curso das diferentes accións de mobilidade para a mellora das competencias en linguas estranxeiras que a Xunta impulsa a través do programa Galemundo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.