O Concello de Cabanas chega a final de ano sen crédito para nóminas, substitucións e enerxía eléctrica nos edificios municipais
O BNG alerta dun “descontrol absoluto no gasto” e dun goberno “sen proxecto e que goberna a base de parches”
“Ter que suplementar salarios co remanente de tesourería é o síntoma máis claro do fracaso do alcalde” apuntan os nacionalistas
O BNG de Cabanas advertiu hoxe da “gravísima e inédita” situación das contas municipais despois de que o alcalde presentase na comisión de contas dúas modificacións de crédito por preto de medio millón de euros para poder pagar gastos imprescindíbeis como salarios, produtividades, substitucións e enerxía eléctrica. Para o grupo nacionalista, estes expedientes “confirman de maneira incontestábel o caos de xestión dun goberno que chegou sen proxecto, segue sen proxecto e hoxe xa funciona exclusivamente a base de improvisación”.
O portavoz do BNG, Iago Varela, explicou que o máis preocupante é o uso do remanente de tesourería para abonar nóminas e gastos recorrentes, algo que cualificou como unha “liña vermella” na xestión municipal. “Cando un goberno chega á situación de ter que empregar o remanente para poder pagar os salarios do persoal municipal é porque fracasou na planificación e execución orzamentarias máis básicas. Non é unha cuestión técnica: é pura incapacidade política”, afirmou.
Luz, mantementos e servizos esgotados antes de decembro
O primeiro dos dous expedientes presentados polo alcalde suplementa máis de 325.000€ destinados a cubrir gastos tan básicos como a luz do colexio, do centro de saúde, das instalacións deportivas, dos edificios municipais ou do alumeado público. Tamén inclúe mantementos, lixo, auga, seguros e servizos culturais e deportivos xa comprometidos.
Para o BNG “é inaceptábel que haxa que suplementar practicamente todas as partidas de enerxía eléctrica do Concello. Non estamos diante dun imprevisto, senón dun goberno que non sabe nin prever canta enerxía consume”, criticou Varela.
A formación nacionalista lembra que isto sucede despois de dous anos e medio marcados por paralizacións e decisións erráticas. “O alcalde leva todo o mandato gobernando sen rumbo e sen ningún tipo de planificación. Este esgotamento prematuro de partidas esenciais é o resultado dese modo de gobernar: improvisación permanente e cero control do gasto”, engadiu o portavoz.
Remanente para pagar salarios: un síntoma de colapso
O segundo expediente, con máis de 151.000€ euros, recorre ao remanente de tesourería -un recurso limitado- para pagar retribucións básicas, complementos, produtividades, substitucións e cotas da Seguridade Social en áreas enteiras como Urbanismo, Seguridade Cidadá, Servizos Sociais, Promoción do Emprego, Administración Xeral ou Centro de Saúde.
Para o BNG, esta situación ten unha enorme gravidade política xa que “o remanente é o recurso que temos para investimentos ou emerxencias, non para pagar o día a día. Cando un concello ten que tirar dos aforros para pagar nóminas é porque a xestión económica está completamente fóra de control”, argumentou Varela.
Finalmente, desde o BNG lembran que este é o mesmo goberno que “tivo que devolver subvencións por incapacidade, paralizou proxectos estratéxicos e vive instalado na foto e no anuncio, pero é incapaz de facer unha xestión real”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.