Sunday 23 de November de 2025

A Xunta outorga autorización ambiental integrada ao proxecto para unha planta de biometano no polígono de Teixeiro, en Curtis


— Con esta resolución, dáse por completada a tramitación ambiental da iniciativa por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

— O obxectivo dos promotores é construír unha nova instalación destinada á produción de biogás a partir da valorización de residuos procedentes do sector agrogandeiro

A Xunta outorgou Autorización Ambiental Integrada (AAI) a Bioetanol Galicia SA para a implantación dunha nova planta de produción de biometano e fertilizantes no polígono de Teixeiro, no concello de Curtis, declarada iniciativa empresarial prioritaria (IEP) o ano pasado.
A resolución, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, sairá publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e o proxecto poderá continuar a súa tramitación administrativa.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá por rematado o procedemento de avaliación ambiental ordinaria ao que foi sometido esta iniciativa empresarial e no marco do cal a declaración de impacto ambiental (DIA) e mais a AAI foron tramitadas conxuntamente.
De feito, a finais do pasado mes de maio o departamento autonómico ditou DIA favorable á construción dunha planta de produción de biometano, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor, como os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA.
Así, froito das consultas realizadas durante a fase de información pública da solicitude de AAI, os organismos consultados consideraron que o proxecto non terá impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran as condicións xerais e específicas establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como produción e xestión de residuos; emisións contaminantes á atmosfera; calidade do aire; olores; ruído ou xestión das augas residuais e vertidos, entre outros.
A culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en todo caso, non eximen ao promotor —neste caso, a empresa Bioetanol Galicia SA— da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e posta en marcha deste proxecto.
Funcionamento e capacidade
O obxectivo da empresa promotora (Bioetanol Galicia SA) é proxectar no polígono de Teixeiro unha planta de valorización de residuos, procedentes de actividades gandeiras e de industrias agroalimentarias, mediante dixestión anaerobia. Como consecuencia do tratamento producirase biogás, que acadará a calidade de biometano nun sistema de upgrading —proceso que purifica o biogás, separando o metano do dióxido de carbono e outras impurezas— co fin de poder incorporalo á actual rede de gas.
A instalación, á que se accederá desde a actual planta de produción de etanol que ten actualmente a empresa promotora na mesma zona, terá unha capacidade de tratamento de residuos de 150.053 toneladas ao ano, a razón de 507 t/día. Ademais, a futura planta contará con dúas liñas de tratamento mediante dixestión anaerobia diferenciadas en función dos residuos de entrada e do destino do dixerido que se obteña.

Deja un comentario