Sunday 23 de November de 2025

O Concello reactiva a Escola de Participación con once cursos e obradoiros gratuítos


O programa combina formación para o tecido asociativo, o voluntariado e a cidadanía en xeral con accións sobre xestión, subvencións, accesibilidade, emerxencias e benestar emocional

As inscricións xa están abertas e manteranse ata completar prazas a través dun formulario de inscrición en liña

O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición da Escola de Participación, un programa formativo gratuíto de cursos e obradoiros dirixidos ao tecido asociativo, ao voluntariado municipal e aberto tamén a toda a cidadanía que queira reforzar os seus coñecementos en participación e vida comunitaria. A iniciativa desenvolverase entre finais de novembro e mediados de decembro en distintos espazos municipais, con prazas limitadas en cada acción formativa.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, subliña que “a Escola de Participación é unha das ferramentas coas que o Goberno de Inés Rey apoia o día a día das asociacións e do voluntariado, ofrecendo formación práctica para que poidan centrarse no esencial: mellorar a vida da veciñanza”.

O programa inclúe un bloque específico para reforzar a xestión interna das entidades sen ánimo de lucro: un curso presencial de Xestión de asociacións no Centro Cívico do Birloque (3 de decembro), un obradoiro técnico sobre subvencións e a nova Ordenanza municipal (11 de decembro, no Centro Cívico da Cidade Vella) e un obradoiro sobre normativa e medidas de prevención na celebración de eventos en espazo público (4 de decembro, tamén na Cidade Vella). Complétase cun curso básico de voluntariado en modalidade en liña, centrado na normativa, dereitos e obrigas das persoas voluntarias.

A Escola tamén aposta por unha participación máis inclusiva e accesible, cun curso básico de lingua de signos en formato presencial no Centro Cívico do Birloque (seis sesións entre o 25 de novembro e o 11 de decembro) e outro curso básico en modalidade en liña. Ademais, incorporarase un obradoiro sobre o uso da intelixencia artificial, que ofrecerá unha primeira aproximación a ferramentas como ChatGPT, e o obradoiro Da IA á IE, dirixido exclusivamente a mocidade de 16 a 30 anos, para traballar a intelixencia emocional como clave de benestar.

No ámbito da seguridade e a prevención, a programación inclúe un curso básico de primeiros auxilios en modalidade semipresencial, con parte online e unha xornada práctica no Centro de Formación da Cruz Vermella, un obradoiro de primeiros auxilios en mascotas, accións sobre actuación en situacións de emerxencia con sesións no Centro Cívico da Cidade Vella e no Ágora, e unha sesión informativa en liña sobre emerxencias climáticas e cultura preventiva fronte a inundacións e fenómenos meteorolóxicos adversos.

As inscricións permanecerán abertas de maneira continuada ata completar as prazas dispoñibles en cada curso ou obradoiro, mediante un formulario específico no que as persoas interesadas deberán indicar os datos persoais e as actividades nas que desexan participar. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e habilitaranse listaxes de agarda. Desde o Servizo de Participación recoméndase avisar no caso de non poder asistir, co obxectivo de liberar prazas para outras persoas interesadas.
“Falamos dun recurso municipal pensado para acompañar ás entidades, pero tamén para que calquera persoa poida formarse e implicarse máis na vida comunitaria. Cando reforzamos o tecido asociativo, reforzamos tamén a democracia local e a cohesión social da cidade”, conclúe Nereida Canosa.
Programación completa
• Xestión de asociacións sen ánimo de lucro | 3 de decembro | 17.30–20.30 h | Centro Cívico do Birloque | 20 prazas
• Obradoiro técnico sobre subvencións | 11 de decembro | 18.00–20.00 h | Centro Cívico da Cidade Vella | 20 prazas
• Obradoiro sobre normativa e prevención en eventos en espazo público | 4 de decembro | 18.00–20.00 h | Centro Cívico da Cidade Vella | 20 prazas
• Curso básico de voluntariado (online) | Datas flexibles | 5 h | 25 prazas
• Lingua de signos básica (presencial) | 25 e 27 de novembro, 2, 4, 9 e 11 de decembro | 17.00–19.30 h | CC do Birloque | 20 prazas
• Lingua de signos básica (online) | Datas flexibles | 30 h | 30 prazas
• Obradoiro sobre uso da intelixencia artificial | 10 de decembro | 17.30–20.30 h | Centro Cívico da Cidade Vella | 20 prazas
• Curso básico de primeiros auxilios (semipresencial) | Sesión presencial 15 de decembro, 16.00–21.00 h | Centro de Formación Cruz Vermella (r/ Médico Devesa Núñez, 1) | 25 prazas
• Primeiros auxilios en mascotas | 12 de decembro | 17.00–20.00 h | Centro Cívico da Cidade Vella | 20 prazas
• Actuación en situacións de emerxencia | 1 e 10 de decembro | 17.30–20.00 h | CC Cidade Vella / Ágora | 20 prazas por grupo
• Sesión informativa sobre emerxencias climáticas (online) | 9 de decembro | 17.00–19.00 h | 50 prazas
• Iniciación á meditación e mindfulness | 25 e 27 de novembro, 2 de decembro | 18.00– 20.00 h | Centro Cívico da Cidade Vella | 25 prazas
• Da IA á IE (obradoiro para mocidade 16–30 anos) | 10 de decembro | 19.00–20.15 h | Espazo Xuvenil Remanso | 15 prazas

Deja un comentario