· O obxectivo do goberno local é garantir que a Asociación de Xubilados poida continuar desenvolvendo a súa actividade no inmoble.
O Concello de Camariñas vén de anunciar que solicitará formalmente á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TGSS) a adscrición do inmoble da antiga Escola Náutico Pesqueira, situada ao carón do centro de saúde. Este paso responde á comunicación trasladada recentemente pola TGSS, na que se informa da situación administrativa do edificio e da posibilidade de que o Concello asuma a súa adscrición, do mesmo xeito que acontece con outros inmobles públicos do municipio, como a Casa do Mar de Camelle.
Segundo explica o goberno local, o obxectivo desta solicitude é protexer o uso social actual do espazo, garantindo que a Asociación de Xubilados de Camariñas poida seguir empregando o inmoble para as súas actividades, tal e como leva facendo nos últimos anos. Na actualidade, o edificio tamén é utilizado pola Cofradía de Pescadores como centro formativo.
A TGSS lembrou que a antiga reversión iniciada hai anos non puido formalizarse, debido a que o inmoble continúa ocupado e en pleno uso, polo que só podería avanzarse nun novo procedemento se o Concello manifesta o seu interese en asumir esa adscrición.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “o noso compromiso é preservar os espazos de uso social da veciñanza. Este edificio é un punto de encontro fundamental para as persoas maiores do noso concello, e imos facer todos os trámites necesarios para garantir que siga sendo así”.
O Concello solicitará nos vindeiros días unha reunión e visita técnica coa TGSS para avanzar na tramitación e estudar as condicións da futura adscrición, asegurando que o inmoble continúe ao servizo da comunidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.