Tuesday 18 de November de 2025

A veciñanza terá un papel esencial na ambientación de Nadal da man do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas


· A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, presentou a sexta edición do certame.

· As persoas interesadas poderán anotarse ata 3 de decembro no correo promocioneconomicapobra@gmail.com e no teléfono 981 843 280 (extensión 2035).

· O Concello outorgará como primeiro premio un vale de compra (caramiñas) de 600 euros e cinco segundos (un por parroquia) valorados en 300 euros.

A Concellería de Promoción Económica lanza o VI Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, unha iniciativa coa que busca implicar á veciñanza na ambientación de Nadal. O obxectivo, tal e como explicou a concelleira, Amparo Cerecedo, é que a cidadanía se sume “á decoración desta época, algo que non só contribuirá á mellora estética das rúas e edificios do municipio, senón que tamén á crear comunidade”.

Durante a súa intervención, Cerecedo valorou a participación acadada en edicións anteriores, cunha maior implantación nas parroquias rurais. Neste sentido, a concelleira animou á veciñanza dos núcleos urbanos a sumarse á iniciativa. Como explicou, unha vez se resolva o fallo do xurado e se dean a coñecer as propostas gañadoras, o Concello publicará tamén as do resto de participantes, “xa que son moitas as persoas que fan percorridos para ver as decoracións por todo o termo municipal”.

A iniciativa está aberta á participación de calquera persoa ou entidade cunha vivenda (en propiedade ou aluguer) con balcón, ventá e/ou fachada con vistas á vía pública. Cada vivenda poderá participar unha única vez, independentemente dos elementos que sexan decorados.

As persoas interesadas poderán anotarse ata o mércores, 3 de decembro, remitindo as solicitudes a promocioneconomicapobra@gmail.com ou chamando ao teléfono 981 843 280 (extensión 2035). Deberán indicar o seu nome, DNI, enderezo e parroquia onde se sitúa a vivenda e o número de teléfono de contacto.

Unha vez confirmada a súa inscrición no certame, os balcóns/fachadas terán que estar ornamentados, como máximo, ata o 9 de decembro (incluído). Ata ese día, as persoas participantes deberán remitir ao correo electrónico da Concellería de Promoción Económica, polo menos, catro fotos da decoración. Estas imaxes serán valoradas polo xurado desta edición de cara á entrega de galardóns. A ornamentación terá que manterse ata o 6 de xaneiro (incluído).

Premios

A veciñanza poderá elixir libremente a ornamentación sempre e cando esta respecte as vías, beirarrúas e entradas aos domicilios doutras persoas. En todo caso, a temática central deberá ser o Nadal e os elementos deberán estar perfectamente suxeitos, sen supoñer un risco para a seguridade.

Para a entrega de premios, o xurado valorará cuestións como a orixinalidade e a creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía do conxunto, a laboriosidade e cuestións como a iluminación. Unha vez analizados estes aspectos, o Concello outorgará como primeiro premio un vale de compra (caramiñas) de 600 euros e cinco segundos (un por parroquia) valorados en 300 euros.

Deja un comentario