Tuesday 18 de November de 2025

A aula CeMIT de Ribeira prepárase para vivir un Nadal tecnolóxico


• O Concello organiza actividades para todo o mes de decembro

Ribeira contará cunha variada programación informática organizada pola Concellería de Innovación e Novas Tecnoloxías que se focalizará na aula CeMIT durante todo o mes de decembro. Segundo manifesta o edil Álex Vidal, “buscamos así a mellora das competencias dixitais da cidadanía adaptando o contido dos cursos a cada época do ano. Por iso, tendo en conta as datas que se aproximan de compras, queremos que, quen opte por facelas online, o faga de maneira segura e dispoña dos coñecementos para non poñer en risco os seus datos persoais e económicos. Tamén queremos dar a coñecer a Intelixencia Artificial como unha ferramenta que pode xogar ao noso favor empregándoa da maneira adecuada. E, por suposto, que os pequenos da casa gocen dunhas vacacións de Nadal con alternativas de lecer. Temos accións formativas para tódolos públicos, onde hai cabida para a alfabetización dixital, o ocio e o reforzo dos vínculos usando as tecnoloxías de maneira responsable.”

O curso Seguridade: protexe o teu mundo dixital marcará o inicio desta axenda. A fundación Cibervoluntarios impartirá esta acción do 9 ao 12 de decembro, en horario de 09.30 a 12.30 horas, coa finalidade de ensinar aos asistentes estratexias para protexer os datos persoais e a información en liña, garantindo unha maior seguridade na Internet.

Esta mesma entidade será tamén a encargada de ensinar Crea contido con Intelixencia Artificial, do 15 ao 18 de decembro, de 09.30 a 12.30 horas. O obxectivo é descubrir as posibilidades da IA para a produción de contido a través de ferramentas para xerar imaxes, vídeos e textos de forma eficiente e creativa.

Xa orientada á rapazada co afán de ofrecerlles alternativas non días non lectivos propios destas datas lánzanse dúas propostas a desenvolver nos días 22, 23, 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro.

Dunha banda está o TecnoNadal divertido, de 09.30 a 11.00 horas, dirixido a nenos e nenas de 7 a 9 anos que se converterán en elfos tecnolóxicos. Terán ocasión de descubrir a maxia da tecnoloxía xogando e de maneira creativa, potenciándose así a súa imaxinación durante as vacacións. Este obradoiro consta de xogos de ordenador e mecanografía, deseño de postais de Nadal con Canva, drons, escape room tecnolóxico ou detectives dixitais, entre outras cuestións.

E, xa como actividade interxeracional, artéllase o concurso Barallando entre xeracións para rapazada de 10 a 14 anos en colaboración dos avós e avoas (maiores sénior de máis de 55 anos) que busca estreitar lazos mediante a creación conxunta dun xogo de cartas personalizado sobre o Nadal de onte e de hoxe. Ambas xeracións traballarán xuntas formando equipos para deseñar unha baralla única, empregando a ferramenta de Canva. Cada carta representará un tema común destas datas significativas dende a perspectiva de dúas épocas distintas. O resultado final será un xogo de cartas interxeracional, onde primarán as vivencias propias, a creatividade e o humor, establecendo un diálogo entre pasado e presente.

A maiores, como aliciente, os dous membros do equipo gañador recibirán como premio unha copia impresa e plastificada da súa baralla para gardar para o recordo.

Continúa aberto o prazo do Nadal ciberseguro

A aula CeMIT xa comezará a entrar en materia de ciberseguridade ás portas do Black Friday cun taller que se desenvolverá no 21 de novembro, desde as 12.00 ata as 13.30 horas. As persoas asistentes formaranse en boas prácticas nas compras en liña, evitando os fraudes, as páxinas web enganosas ou as falsas ofertas. Aínda quedan prazas dispoñibles.

Todas estas actividades son de balde, se ben requiren inscrición previa a través do teléfono de contacto 981 876 043 ou do enderezo electrónico cemit.ribeira@xunta.gal.

Deja un comentario