A artista estará acompañada pola Orquestra de Cámara Galega
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recibiu este martes no Teatro Colón a Fransy González, cantareira que o vindeiro domingo 23 de novembro presentará ‘Manhe’, o seu novo espectáculo, no recinto cultural coruñés. As últimas entradas para a actuación, que dará comezo ás 19.00 horas, continúan á venda a través de Ataquilla.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a promover grandes e singulares actuacións nos nosos espazos culturais, apostando polo talento galego e a cultura popular”, indicou Gonzalo Castro, que estivo acompañado polo deputado provincial Xosé Lois Penas, o director artístico Pedro Lamas e o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba. O Domingo Fransy González estará acompañada sobre as táboas por unha formación tan prestixiosa como a Orquestra de Cámara Galega.
‘Manhe’ é unha homenaxe á raíz. Un espectáculo no que a voz inconfundible de Fransy González e a súa pandeireta dialogan cunha grande formación de corda composta por máis de vinte músicos, baixo a dirección musical e os arranxos do saxofonista Pedro Lamas. A proposta mestura emoción, elegancia e forza para ofrecer unha viaxe sonora polas músicas de tradición oral recollidas ao longo da vida da artista.
Este concerto representa un paso adiante na carreira de Fransy González, que se afianza como unha das grandes voces da música galega contemporánea. ‘Manhe’ conxuga pasado e presente, memoria e creación, nunha posta en escena coidada e profundamente evocadora.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.