Tuesday 18 de November de 2025

Veciñas de Frades participan nun Curso de Autodefensa Persoal para Mulleres


O edificio multiúsos de Frades acolleu esta fin de semana un Curso de Autodefensa Persoal para Mulleres, organizado polo Concello de Frades en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade. Unha sesión totalmente de balde que foi impartida por Juan José Martínez, creador do Método MAS: Mulleres, Autoconfianza e Seguridade.

Ángeles Álvarez Carro, concelleira de Benestar, Muller e Igualdade, asistiu tamén ao curso, destacando que “aprendemos a previr riscos así como movementos efectivos para poder defendernos no caso dunha agresión”. Este Curso de Autodefensa Persoal para Mulleres é a primeira actividade do programa especial do Concello de Frades co gallo do 25 de novembro.

Programación do 25N

Unha programación que inclúe a tradicional lectura do manifesto contra a violencia de xénero, que terá lugar o martes 25 de novembro, na casa consistorial, así como a tradicional actividade de todos os anos en colaboración co CPI Ponte Carreira. So que desta vez esa iniciativa realizarase en colaboración coa Mancomunidade de Ordes. A campaña chámase “Pasos firmes, pasos seguros” e terá lugar en colaboración coa Cruz Vermella, a Xunta de Galicia e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A actividade consiste en que o alumnado achegue un par de zapatos vellos da casa, que pintarán de vermello no colexio. A idea é realizar tantos zapatos como vítimas de violencia de xénero houbera no ano 2025, que se exporán xunto a unha cartolina co nome, idade e onde foi asasinada cada vítima, así coo unha mensaxe de apoio e concienciación.

Finalmente, o sábado 29 de novembro, ás 16:30 horas, o multiúsos de Frades acollerá “Travesía Unicornio”, un espectáculo dirixido ao público familiar. Inscricións ata o 28 de novembro no Concello (98 695 567). Organiza o Concello de Frades e colabora a Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Deja un comentario