Tuesday 18 de November de 2025

A doutora en Medicina Ceres Fernández Rozadilla dará unha conferencia sobre o cancro este xoves no ciclo Contando Ciencia


Está o cancro escrito nos nosos xenes? Benvidos á xenómica. É o tema que abordará este xoves, 20 de novembro, a doutora en Medicina e investigadora da Fundación CRIS contra o cancro, Ceres Fernández Rozadilla, no ciclo Contando Ciencia. O programa, que ten como obxectivo “achegar a ciencia á poboación en xeral”, vai dirixido a todo tipo de público. A cita será o xoves ás 19:30 no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. Coordina a mestra Violeta Miraz Seco.

Na súa charla en Fene, Ceres Fernández Rozadilla falará sobre como o noso xenoma contribúe a que unhas persoas padezan de cancro e outras non. Tamén explicará en que traballan no seu laboratorio e como se pode aplicar este coñecemento de cara a nova era da medicina de precisión.

Ceres Fernández Rozadilla é doutora en Medicina e o seu traballo céntrase no entendemento molecular do cancro e na indentificación de marcadores temperás que poderían axudar a lograr unha medicina máis personalizada no futuro.

Traballou durante tres anos no centro de “Human Genetics” da Universidade de Oxford; primeiro como membro da beca posdoutoral Marie Curie e despois como investigadora post doutoral. De volta a Galicia, en 2016 traballou en Compostela como investigadora no IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria). Tamén foi investigadora no Instituto de Ciencias do Cancro e Xenómicas da Universidade de Birmingham, participando ademais en varios proxectos nacionais e internacionais.

No ano 2022, foi recoñecida polo CRIS (Fundación para a innovación e investigación do cancro en España) e con ese premio puido lanzar o seu propio laboratorio. Desde xaneiro do 2023 lidera no IDIS o laboratorio de predisposición e biomarcadores do cancro. Ademais, optou a varios proxectos para o Instituto Español de Saúde e para a fundación Olga Torres.

É ademais coordinadora do MSCA rede doutoral do coloMARK que xoga un papel esencial no adestramento da vindeira xeración de investigadores no desenvolvemento de biomarcadores do cancro.

Publicou máis de 40 artigos, e ademais ten acadado numerosos recoñecementos O último foi o Premio da Crítica de Galicia en Ciencia e Tecnoloxía 2024.

Trala cita deste xoves, a vindeira conferencia de Contando Ciencia será o xoves 15 de xaneiro e contará coa participación da doutora en Xeoloxía e técnico da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Irene Pérez Cáceres, que falará sobre as Terras raras: Nin son terras, nin son raras.

Deja un comentario