As citas comezan o xoves 20 de novembro co concerto de IALMA, unha banda que difunde desde Bélxica as raíces galegas e que celebra o seu 25º aniversario
Carballo acolle unha semana de sons tradicionais, jazz, teatro ou de honra a Santa Cecilia no Novembro con Música. Xa o xoves 20 de novembro o programa viaxa ao ámbito da música folk da man de IALMA. Aínda que residen en Bruxelas, Verónica, Natalia, Marisol e Eva, as compoñentes do grupo, manteñen unha conexión permanente coa súa terra natal, Galicia. Durante 25 anos, a cultura musical e as tradicións galegas foron as súas inesgotables fontes de inspiración, que lles permitiron construír, pouco a pouco, un repertorio de cancións tomadas das súas raíces pero adaptadas á vida de mulleres modernas, en contacto con múltiples culturas, linguas e estéticas musicais. O seu 25° aniversario – que coincide co 50° aniversario do fin da ditadura franquista, que obrigou á súa familia a fuxir de Galicia para refuxiarse en Bélxica – é unha ocasión para que IALMA ofreza unha HOMENAXE a todas as mulleres e homes que, en calquera lugar do planeta, tiveron que desarraigar a súa vida para escapar da ditadura. O concerto é ás 20.30 horas no Pazo da Cultura e está organizado coa colaboración da Deputación da Coruña.
E ao día seguinte, o venres 21, Novembro con Música cambia de rexistro para somerxerse no jazz de Sumrrá. A agrupación está formada polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería Lar Legido. Recoñecidos coma o trío galego mais internacional e galardoados co Premio Jazz España 2022, Sumrrá, ao igual que IALMA, celebra en 2025 o seu 25º Aniversario, consolidándose coma o máis lonxevo da escena española. Un cuarto de século actuando como embaixadores do jazz galego máis contemporáneo ao seu paso por festivais de recoñecido prestixio internacional. Centos de concertos, sete discos publicados e 25 anos de carreira que fan de Sumrrá un grupo de culto, avalado pola crítica internacional e considerado case coma lendario entre os amantes do jazz contemporáneo. A cita é ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e está organizada coa colaboración da Deputación da Coruña.
Se a pasada fin de semana desfrutamos co 40º aniversario do Coro Aires de Bergantiños, a música coral continúa o sábado 22 de novembro co Festival de Santa Cecilia, na mesma xornada na que se celebra o día da patroa da música. Organizado cada ano pola Coral Polifónica de Bergantiños, a agrupación convida a cantar con eles nesta ocasión á Coral Polifónica Follas Novas de A Coruña, á Coral Polifónica de Meis e á Coral Polifónica Costa da Morte de Cee. A Coral de Bergantiños é unha entidade fundada en 1969 e que conta desde hai máis de 30 anos coa dirección musical de Gloria de los Ángeles Pardines. A cita está prevista para ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.
No programa tamén hai oco para o teatro con Vagalume en ruta. A Asociación Cultural Coro Vagalume ofrece o sábado e o domingo dúas funcións de teatro amador coa colaboración da Asociación Ría de Lema e a Asociación San Xens de Entrecruces.
• O sábado 22 de novembro será a quenda para o Local Social de Lema con función ás 19.30 horas.
• E o domingo 23 de novembro o Local Social de Entrecruces desfrutará de Operación Barranco ás 18.00 horas.
Ao longo do ano, a Concellaría de Cultura tampouco descoida as citas formativas. Así, o domingo 23 de novembro celébrase unha Masterclass de Técnica vocal impartida por Tania Caamaño. Esta actividade enmárcase dentro das propostas que se teñen levado ao longo de todo o ano para poñer en valor a música tradicional e o papel das cantareiras do municipio recollendo o espírito do Día das Letras Galegas, que este ano estivo dedicado á poesía popular de tradición oral. A actividade é de asistencia reservada para as agrupacións musicais de Carballo e está prevista para as 11.30 horas no Pazo da Cultura.
Por último, dentro das actividades complementarias, o andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición Zoom FIOT, un proxecto fotográfico sobre o Festival Internacional Outono de Teatro que se realiza desde hai 10 anos e que ofrece unha visión íntima e persoal do evento. Unha ollada privilexiada ao corazón dos espectáculos enmarcados na anterior edición do FIOT. Os fotógrafos participantes nesta exposición son: Cris Becerra, Raúl Lorenzo, Marcos Rodríguez, Esther Chamoso, Daría García, Fernando Lema e Fabiola Lorenzo. Poderá visitarse até o 30 de novembro de luns a sábado de 16.00 a 21.00 horas.
Ademais, o Pazo da Cultura tamén acolle a instalación artística de Noelia Paz titulada Xesto. Nela, a artista recolle o lema do FIOT “Raíz viva, memoria colectiva”. Para ela, as raíces son unha serie de nutrientes que conforman a nosa identidade colectiva e que xeran un efecto distinto en cada persoa. Un impulso que acaba derivando en xestos individuais. Tamén está no andar -1, a carón do auditorio.
➢ Listaxe de teléfonos para contactar:
➢ IALMA: Marisol | 651 813 412
➢ Sumrrá: Mª José | 654 996 482
➢ Coral de Bergantiños: Antonio | 669 143 841




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.