Monday 17 de November de 2025

A Xunta licita o proxecto de restauración da Igrexa de Santa María de Atalaia en Laxe, na que se prevé investir 170.000€


— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa comezou as obras de recuperación do cruceiro e da cruz do testeiro deste Ben de Interese Cultural por valor de 5.000€

— Este inmoble é un dos edificios relixiosos medievais senlleiros da Costa da Morte, adscrito ao gótico ‘mariñeiro’ ou tamén denominado ‘galego’

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025.- A Xunta de Galicia acaba de licitar o proxecto básico de execución da restauración da igrexa de Santa María de Atalaia, no municipio coruñés de Laxe, na que se prevé investir 170.000 euros, e na que xa comezaron as primeiras actuacións para a recuperación do seu cruceiro e da cruz do testeiro, por valor de máis de 5.000 euros.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cumpre coa conservación de todos os ben patrimoniais, en xeral, e cos do Concello de Laxe, en particular, con respecto á conservación deste Ben de Interese Cultural, que forma parte dun dos edificios relixiosos medievais senlleiros da Costa da Morte, adscrito ao gótico mariñeiro ou tamén denominado galego.

En concreto, as intervencións que se prevén realizar na igrexa estarán centradas sobre todo en resolver os danos que se teñen detectado tanto na torre, como en determinados elementos escultóricos pétreos da fachada e do interior do edificio, ao igual que tamén se ten prevista a restauración do fresco de San Domingo de Guzmán.

En todo caso, o departamento de Cultura do Goberno galego xa ten en marcha as obras para recuperar o cruceiro, tras a aparición de gretas de relevancia, e tamén dunha das dúas cruces do testeiro, que sufriu danos tras o impacto da caída desde a cimeira da súa estrutura. Para estas dúas intervencións concretas destínanse máis de 5.000 euros.

Deja un comentario