Monday 17 de November de 2025

O goberno convoca para este venres un pleno extraordinario para o pagamento das horas extraordinarias a bombeiros e policías


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este luns tras a reunión da Xunta de Goberno Local, acompañada da portavoz do goberno, Míriam Louzao, para anunciar a convocatoria dun pleno extraordinario para este venres, ás 13.00 horas, para o pagamento das horas extraordinarias a bombeiros e policías.
O goberno convoca para este venres un pleno extraordinario para o pagamento das horas extraordinarias a bombeiros e policías
A rexedora explicou que este martes terá lugar a Comisión Informativa para ditaminar o expediente de pagamento destas gratificacións a bombeiros e policías, un expediente que vai habilitar o pagamento de 2.172.487,76 euros por dous conceptos: gratificación por horas extra desde novembro de 2024 a maio de 2025 e por traballo en festivos de xaneiro a setembro de 2025.

Por outra parte, Sanmartín tamén deu conta do diálogo que se mantén coa representación sindical e asegurou que a intención do goberno é poder sentarse de novo esta mesma semana, ou a máis tardar a comezos da seguinte, para tratar unha proposta que sente as bases dun acordo. Neste sentido, indicou que, tras a última xuntanza do grupo de traballo para negociar unha saída ás demandas salariais de policías e bombeiros, o Concello está estudando as repercusións económicas das súas propostas, así como o seu encaixe xurídico. Ademais, neste escenario tamén será imprescindible realizar unha análise de avaliación dos postos de traballo para incrementar o cobro no complemento específico.

Goretti Sanmartín afirmou que “nos preocupa esta situación e estamos esforzándonos desde o primeiro momento en desbloquear un conflito que ten raíces históricas e que ten que ver coas políticas de contención de gasto público que fixeron que a través desa taxa de reposición se minguasen os cadros de persoal”. Lembrou que “este goberno levou ao máximo a taxa de reposición e, como resultado de diferentes ofertas de emprego, acaban de incorporarse 9 policías, aos que seguirán 6 máis ao longo deste mes, e outros 15 nos próximos meses unha vez que se complete o proceso de selección do que se encarga a Academia Galega de Seguridade Pública”.

Así, no caso dos bombeiros, cubriranse inmediatamente con interinaxe 3 prazas da oferta de 2023 e unha baixa de longa duración, e levaranse á seguinte mesa de negociación as bases da oferta de 2025, que son 9 prazas máis. Tamén informou que para o caso dos bombeiros se vai explorar a opción excepcional que recolle a Lei de orzamentos do Estado para superar en máis a taxa de reposición.

Incendio sábado

Goretti Sanmartín tamén deu conta do sucedido o sábado cando se produciu un incendio nunha vivenda no barrio da Pontepedriña. En primeiro lugar, fixo un recoñecemento “ao labor dos bombeiros e policías locais, policías nacionais e do 061, que participaron no dispositivo de emerxencias, así como a todo o persoal mobilizado desde outros parques”. A rexedora tamén puxo en valor “a solidariedade da veciñanza coas persoas desaloxadas e, nomeadamente, ao propietario do albergue La Estación que abriu as súas portas para realoxar desde o primeiro momento as persoas que tiveron que saír das súas casas”.

En relación ao operativo, informou que a chamadas e rexistrou ás 10:55h, momento en que tres persoas estaban no parque facendo labores habituais, desde onde saíron, mentres que o sarxento saíu directamente desde a estación de Amio, onde estaba repostando o camión. Polo tanto, desprazáronse un total de catro efectivos até o punto onde se produciu o incendio cunha estimación de chegada de sete minutos.

Antes da saída, o parque de bombeiros de Santiago solicitou efectivos doutros servizos, unha actuación habitual de colaboración entre os parques de bombeiros. Foron mobilizados efectivos de Brión e Ordes, se ben estes últimos non tiveron que intervir na extinción do incendio.

Goretti Sanmartín explicou que a intervención respondeu aos protocolos e ás decisións dos mandos do corpo de bombeiros que son os que deben primar nunha situación deste tipo. Segundo recolle o informe dos bombeiros, o lume comezou no primeiro andar mais, ao quedar as portas abertas durante a saída das persoas que estaban nese andar, o oco da escaleira fixo de tiro e os andares superiores quedaron afectados polo fume. No cuarto andar había dúas persoas e un can que foron evacuadas pola escaleira interior, se ben os bombeiros de Santiago tiñan prevista e colocada a autoescada exterior por se fose necesaria mais, finalmente, optouse por unha evacuación pola escaleira interior.

Deja un comentario