Monday 17 de November de 2025

Abertas as inscricións para o taller de “Autocoñecemento para unha vida sa” incluído na programación do 25 N


O Concello de Neda organiza, no marco das súa programación especial co gallo do 25 N, o obradoiro de “Autocoñecemento para unha vida sa”. A proposta desenvolverase ao longo de tres sesións, nas que as persoas participantes aprenderán a “conectar, expresar e transformar as súas emocións”, e familiarizaranse con exercicios de autociudado útiles para sentirse mellor. Ao longo desta semana estará aberta a inscrición na biblioteca municipal. As prazas son limitadas.

A antropóloga social e experta en temas de autocoñecemento, sexualidade e relación humanas Roxana Volio porase á fronte desta proposta, que incide na importancia de que as persoas se coñezan e se traten mellor a si mesmas (falarase de auto percepción, autoestima…) como punto de partida para teren relacións máis sas cos demais, e coa sociedade.

O obradoiro terá lugar os luns 24 de novembro e 1 e 15 de decembro, de 16:30 a 19 horas, aproximadamente, na Casa da Cultura de Neda. E nel, a través de exercicios prácticos, porase o foco na importancia do bo trato como vía para promover unha vida libre de toda forma de violencia.

Ao longo das tres sesións, nas que o respecto e a confidencialidade serán esenciais, as persoas participantes aprenderán, da man de Roxana Volio Monge, recursos para mellorar as súas relacións interpersoais e tamén para sentirse mellor (técnicas de respiración, de relaxación e de meditación; exercicios de autocoidado, de coidado mutuo…)

As veciñas e veciños interesados en participar neste obradoiro de crecemento persoal, dirixido por Volio Monge, e promovido cos Fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, deberán anotarse na biblioteca (981390233) dende hoxe ata o venres, tendo prioridade as persoas do municipio.

Deja un comentario